Comezan as obras do novo pavillón deportivo de Monte Porreiro

Comezo das obras pavillón de Monte Porreiro
Comezo das obras pavillón de Monte Porreiro
Comezan as obras do novo pavillón deportivo de Monte Porreiro

Pontevedra, 21 de abril de 2026. O Concello de Pontevedra deu hoxe o pistoletazo de saída ás obras de construción do novo pavillón deportivo de Monte Porreiro, un equipamento que transformará a fisionomía do barrio. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, o concelleiro responsable do barrio, Alberto Oubiña, ademais de persoal técnico de arquitectura e representantes da empresa adxudicataria, desprazáronse á parcela para supervisar o comezo dos traballos, que se inician coa demolición do antigo pavillón. 

Segundo explicou o alcalde, esta primeira fase de derrubo das instalacións previas terá unha duración aproximada de seis semanas, dando paso posteriormente ás tarefas de escavación e construción. Previamente a este inicio, leváronse a cabo ampliacións dos estudos xeotécnicos que motivaron un retranqueo no deseño inicial; deste xeito, o edificio sepárase dous metros das construcións perimetrais para minimizar calquera posible afectación e garantir a máxima seguridade da veciñanza próxima. Ademais, a cimentación da nova infraestrutura acadará os 9 metros de profundidade en busca do terreo máis firme. 

O novo pavillón, deseñado polo estudio pontevedrés Uña+Amandi e adxudicado á empresa local Construcciones Ramírez S.L., será un edificio semisoterrado de vangarda e con accesibilidade universal. Esta singularidade arquitectónica favorecerá un deseño bioclimático que garantirá unha maior estabilidade térmica, facilitando un mantemento de alta calidade cun menor gasto enerxético. O interior do edificio contará con dúas alturas, albergando na planta baixa unha pista deportiva de 1.250 metros cadrados, ximnasio e vestiarios, mentres que no nivel superior situaranse as gradas e a área administrativa. 

Máis alá do propio equipamento deportivo, a intervención xerará un enorme impacto no espazo público para toda a comunidade. Sobre a cuberta do pavillón crearase unha nova praza pública de aproximadamente 5.000 metros cadrados, a máis grande do barrio, con dimensións equivalentes á suma da Praza da Ferraría, os Xardíns de Casto Sampedro e a Praza da Estrela. Este novo punto de encontro contará cunha cuberta axardinada e disporá dunha gran pérgola de entre 700 e 800 metros cadrados de superficie. Esta estrutura albergará paneis solares para o autoconsumo da instalación e ofrecerá protección contra a choiva e sombra nos días de calor, permitindo o desenvolvemento de actividades ao aire libre os 365 días do ano. 

O proxecto conta cun orzamento de adxudicación de 6,4 millóns de euros e un prazo de execución de 30 meses. O alcalde destacou que a previsión con estes traballos é que as obras se desenvolvan ao longo deste ano 2026 e durante 2027, co obxectivo de que o complexo estea en pleno funcionamento no ano 2028. O financiamento destas actuacións enmárcase na inxección dos fondos europeos FEDER a través da estratexia EDIL —que suporán un investimento global de máis de 10 millóns de euros no barrio—, complementados con fondos propios do Concello e un protocolo asinado coa Xunta de Galicia que prevé unha achega de 2 millóns de euros para esta infraestrutura. 

Para garantir que o proxecto conte coa máxima colaboración, desde a área de Deportes e a concellería de barrio mantivéronse reunións previas cos clubs deportivos, a asociación de veciños e a ANPA. Neste sentido, e para facilitar a convivencia durante a execución do proxecto, está en marcha unha comisión de seguimento que integra á xestora das comunidades lindeiras, á asociación O Mirador e á comunidade educativa do CEIP Fina Casalderrey, co fin de manter unha comunicación fluída e resolver calquera necesidade no día a día da obra. 

Comezan as obras do novo pavillón deportivo de Monte Porreiro