O BNG de Caldas insiste ao goberno central en aproveitar os estudos informativos iniciais da Variante para sacar adiante a nova Rolda Oeste sen máis demoras
Caldas, 21 de abril de 2026. Converter os problemas en oportunidades. Esa é a intención do BNG de Caldas, que insistiu hoxe en aproveitar os estudos informativos iniciais das propostas de trazado da Variante xa descartada para sacar adiante a nova rolda oeste sen máis demora. O voceiro nacionalista Manuel Fariña defende que o trazado da nova avenida, que debe rodear o centro da vila e sacar o tráfico do núcleo urbano con características dunha estrada ‘branda’, non pode agardar outra década de trámites para facerse realidade mentres Caldas sigue saturada e condicionada polo paso de vehículos pesados.
Fariña considera que, de cumprirse o compromiso do goberno central de que o proxecto de trazado da Variante se descarta tal e como estaba previsto, o feito de que se manteña a tramitación aberta para construír unha estrada alternativa pode ter unha lectura positiva. O portavoz nacionalista advirte que, na práctica, anular e botar abaixo todos os estudos informativos vixentes suporía retrotraer o deseño a 2008, o que equivalería a iniciar un novo procedemento administrativo dende o punto de partida que podería durar moitos anos. Pola contra, destaca Fariña, aproveitar os pasos técnicos xa dados até o de agora, como leva reclamando o Bloque dende hai tempo, axilizaría a construción da nova vía “tan necesaria”.
O voceiro do Bloque mantén que o trazado para executar a nova avenida de carácter brando que se necesita para retirar o tráfico do centro podería ser semellante ao da Rolda Oeste contemplado na alternativa inicial denominada ‘NC1B’, modificando necesariamente os entronques e enlaces, descartando tirar nin vivendas nin negocios ao haber terreos dispoñibles con menos afectación.
Segundo Fariña, a nova rolda oeste debería ser unha vía deseñada especificamente para desconxestionar o centro urbano, cun trazado sen valar, velocidade e tráfico calmado, sen grandes desniveis e accesible para tráfico natural e cun itinerario peonil e ciclista en paralelo, isto é, unha estrada con características e unha configuración moito máis urbana que a Variante que se propoñía ata o de agora.
Por todo isto, e ante a confusión xerada á veciñanza nas últimas semanas, Fariña destaca que debe ser o Estado directamente e de maneira institucional, con informes escritos e non a través de anuncios políticos nin do delegado do Goberno, nin do secretario xeral do PSdeG, nin do alcalde, quen aclare definitivamente o estado da situación. Para o BNG é fundamental confirmar oficialmente a retirada do proxecto da Variante anterior e especificar até onde se retrotraen os trámites administrativos, validando ou descartando os estudos informativos técnicos previos.
Amais, e en paralelo ao deseño e construción da nova rolda oeste, o BNG destaca que debe liberarse de peaxe a AP-9 no tramo Caldas–Carracedo, incluso coa construción dun novo enlace en Bemil que uniría a autoestrada coa actual variante de Caldas. Fariña destaca que esta medida complementaria suporía unha alternativa eficaz e inmediata, reducindo tráfico de paso innecesario polo centro urbano e mellorando a conectividade do territorio. Por último, o BNG subliña que xa que a Variante de Godos non se vai executar e polo tanto tampouco haberá nova conexión co Porto de Vilagarcía, a Xunta de Galiza debe mover ficha e propoñer unha alternativa eficaz para mellorar a mobilidade dende a AP-9 até o Salnés.