DO 13 AO 27 DE NOVEMBRO

Pontevedra volverá escoller a mellor tapa da cidade a través do concurso gastronómico Pontedetapas

Pontevedra volverá escoller a mellor tapa da cidade a través do concurso gastronómico Pontedetapas

Pontevedra, 11 de outubro de 2024. Pontedetapas volverá este 2024. A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, fixo públicoa apertura de inscricións para poder participar nun dos concursos gastronómicos máis recoñecíbeis da cidade. “A súa volta vén da man dun consenso coa hostalaría á hora de poñer as novas datas”, explicou. 

Así, Pontedetapas, logo de diversas reunións co sector, celebrarase entre o 13 e o 27 de novembro. “O obxectivo desta actividade é desestacionalizar dalgún xeito a oferta e favorecer o consumo entre semana nunha época teoricamente baixa para a hostalaría”. 

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional —aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía—, á mellor tapa creativa —á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas...—, e ao mellor cóctel. 

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa `Pontevedra´ á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados... A Tapa Pontevedra será a que compita en “De tapas por Galiza”, o certame promovido por Turismo de Galiza para escoller o mellor petisco do país entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. 

O prezo das tapas será o mesmo que nas edicións pasadas, feito que a edil quixo agradecerlle ao sector. Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. 

Pontevedra volverá escoller a mellor tapa da cidade a través do concurso gastronómico Pontedetapas