Pontevedra promove con Boa Vida un programa pioneiro de loita contra a soidade non desexada e vivenda compartida
Pontevedra, 11 de outubro de 2024. A Concellería de Benestar Social promove un programa pioneiro contra a soidade non desexada e vivenda compartida da man da ONG Boa Vida. Nunha primeira fase desenvolverase —e a fin de ano avaliarase a súa viabilidade— en catro parroquias: Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Salcedo e Cerponzóns.
Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social e Pepa Vázquez, presidenta de Boa Vida presentaron o proxecto que pretende dar resposta a dúas realidades: dunha banda, a demanda de compañía e/o coidados por parte dun número crecente de persoas que sofren soidade non desexada a causa, sobre todo, da idade, mais tamén por rupturas familiares, baixas laborais, xubilacións, enfermidades, discapacidades... Doutra banda, á carestía e escaseza de vivendas para alugar, sobre todo, a persoas en situación de vulnerabilidade como desempregados/as, maiores con pequenas xubilacións, inmigrantes en proceso de regularización, traballadores/as precarios, etc.
“Trátase de poñer en contacto a persoas con necesidades habitacionais e persoas que viven en soidade e todo o proceso estará titorizado e guiado por profesionais de Boa Vida” resumiu Anabel Gulías, subliñando a acreditada metodoloxía de traballo da ONG de naturalización e loita contra os motivos que afondan na desigualdade e discriminación.
Porén, o obxectivo vai máis aló dun simple intercambio de “servizos” entre as partes, trátase de crear as bases dunha posible vida compartida tecida cos seguintes vimbios: honestidade, respecto, igualdade, tolerancia, solidariedade, sentido do deber e traballo en equipo.
“Hoxe é o pistoletazo de saída dunha iniciativa que busca paliar os efectos negativos dunha vida acelerada e xirada ao individualismo; xuntar necesidades, pensar en colectivo e apostar por sociedades plurais, solidarias e igualitarias», engadiu a titular de Benestar Social.
O programa conta con dúas actuacións: o proxecto de Vida compartida e o de Fogares creativos, que teñen o seu limiar ata final de ano e que se pretenden pór en marcha en Santa María de Xeve, Santo André, Salcedo e Cerponzóns a partir de xaneiro.
Vida compartida arranca de inmediato co ‘peinado’ das catro parroquias na procura de persoas acolledoras; ao que seguirá a formación das posibles acollidas; a elaboración dos acordos para sentar as bases dunha vida en común e, de seguido, probar durante 15-20 días a convivencia con as primeiras persoas candidatas. O segundo coa localización de vivendas baleiras e propietarias para alugar - “cun prezo solidario” a persoas en situación de vulnerabilidade pero dispostas a emprender unha convivencia colectiva autónoma. O pago estaría garantido xa que o asume Boa Vida e as portas da vivenda estarán sempre abertas para os propietarios.
Pepa Vázquez apuntou a posibilidade de abrir as portas das vivendas de aluguer, de xeito controlado, a persoas sen teito para que poidan ducharse ou durmir unha noite, da man de Cruz Vermella e Cáritas.
Os profesionais de Boa Vida encargaranse de seleccionar aos posibles conviventes, presentalos, guiarlles sobre as súas responsabilidades e monitorizar a convivencia, intervindo fronte a calquera disfunción ou conflito.