Soutomaior inicia a conversión da avenida Castelao nun corredor verde
Soutomaior, 11 de outubro de 2024. Carril bici, vertebración, calmado de tráfico, mobilidade... estes son soamente algúns dos elementos que inclúe a proposta que dende o concello de Soutomaior presentaron no día de onte, no Ministerio de Transporte e Mobilidade, ao director xeral de Carreteras, Juan Pedro Fernández Palomino.
Despois desta reunión o concello de Soutomaior e o Ministerio inician o proceso de transformación da N-550. Tal e como dixo hoxe o alcalde, Manu Lourenzo, “o día de onte é o punto de partida dun camiño longo que xa non ten volta atrás, é un camiño longo, sabemos que os tempos dos Ministerio farán que se prolongue este proxecto que está suxeito a matices nas actuacións nas rúa”. Ao que Lourenzo engadiu que “conseguimos o máis difícil que é que por primeira vez se abra un expediente formal de traballo para acabar cunha situación da N- 550 que supón unha barreira que dividía e hipotecaba o futuro de Soutomaior, un paso de xigante para Arcade que inicia unha senda de traballo que será complexa e ilusionante”.
Na presentación desta proposta o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, lembrou as problemáticas da N-550 ao seu paso por Arcade. Unha nacional que actúa como barreira para a poboación, restrinxindo o transito peonil transversal, que conta un elevado número de accidentes, soporta a diario tráfico de pesados e alta velocidade de vehículos, ten descontinuidade nas beirarrúas, espazo non accesible e beirarrúas estreitas, baixa visibilidade en pasos de peóns, necesitade de infraestrutura ciclista segura, baixa visibilidade para as e os peóns e destacaron que se trata dunha nacional pola que pasan máis 100 mil peregrinos anualmente.
Tal e como dixeron o alcalde, Manu Lourenzo, e Enrique Urcola, do equipo redactor desta proposta da empresa de enxeñería Enurcoin os obxectivos son claros: transformar a estrada nunha rúa, pacificación e calmado de tráfico, humanización e sostenibilidade, maior calidade urbana, ambiental e paisaxística, mellorar a coexistencia entre as persoas e os vehículos, integración paisaxística, redución de accidentes, mellorar os tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago e conseguir un espazo atractivo para as e os peóns.
Manu Lourenzo agradeceu, unha vez máis, o traballo inxente realizado pola senadora del BNG Carme da Silva e a súa implicación con esta proposta e co concello de Soutomaior.