O BNG lanza unha campaña institucional e social para frear a avalancha eólica depredadora no Suído

O BNG lanza unha campaña institucional e social para frear a avalancha eólica depredadora no Suído

Pontevedra, 11 de outubro de 2024. Acompañado por representantes do BNG dos concellos afectados polos proxectos eólicos que afectan ao suído, , o deputado do BNG, Luís Bará quixo comezar a súa intervención facendo  fincapé en que “non estamos até un caso aillado que afecta só a estes concellos, senón a unha verdadeira avalancha de proxectos, coa ocupación masiva do territorio, froito dun modelo eólico depredador, de espolio dos nosos recursos, e cun impacto moito maior debido á súa ubicación en zonas próximas a nucleos, vales, zonas produtivas e doutras actividades”.

Trátase dun modelo que conta co apoio descarado da Xunta de Galiza, favorecendo e axilizando estes proxectos, ocultando información á cidadanía e creando unha normativa que “permite a estafa deste modelo espoliador”, pero que está a encontrar unha forte resistencia e rexeitamento por parte da sociedade, de institucións académicas e dos propios tribunais de xustiza.

Na comparecencia de hoxe, Luís Bará centrouse nos distintos proxectos na serra do Suído, e que afectan aos concellos de A Lama, Avión, Fornelos, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela.

EDREIRA 1 EDREIRA 1 AMPLIACIÓN E LMT PLANO.1
EDREIRA 1 EDREIRA 1 AMPLIACIÓN E LMT PLANO.1

Destes un, o “Hedreira”, é tramitación estatal con 75 mw, e afecta aos concellos de A Lama, Beariz e Avión e coincide coa anteriormente tramitado pola Xunta de Galiza co nome de “Puza”, e que xa fora rexeitado no seu día cun informe negativo de impacto ambiental. Para o nacionalista trátase dun proxecto “fraudulento e inviábel”.

A maiores, existen tres parques máis tramitados pola administración galega, que están agora en exposición pública, cun prazo de alegacións aberto até o 23 de outubro. Trátase de “Edreira 1”, de 8,4 mw e 4 aeroxeneradores (concello de A Lama), “Ampliación de Edreira 1”, de 16,8 mw e 4 aeroxeneradores (concello de A Lama), “Coto de Eiras”, de 48 mw e 10 aeroxeneradores (Fornelos de Montes e Mondariz), e as infraestruturas de transformación e evacuación destes parques eólicos cunha liña de media tensión até Ventín de 10 quilómetros, que afecta a 96 terreos, e de alta tensión desde Ventín até Pazos de Borbén que afecta 363 propiedades, de 14 quilómetros.

Luís Bará salienta a importante contestación social a estes proxectos polas súas grandes dimensións e proximidade a zonas habitadas e de actividades económicas moi sensíbeis

A respeito de todos estes proxectos, o BNG está a desenvolver nestes momentos tres tipos de actuacións. 

Campaña de recollida de alegacións

A primeira é unha “campaña de recollida de alegacións, onde poñemos de relevo todos os enormes impactos que teñen estes proxectos”: 

  • Sobre as captacións de auga (non hai un estudo suficientemente amplo sobre os mananciais e reservas de auga)
  • Sobre a saúde (ruído, parpadeo de sombras, etc)
  • Sobre o valor das terras, xa que as dimensións que teñen as poligonais vai implicar unha devaluación do seu valor, que pode chegar ao 40%. Neste sentido, Bará afirmou que as empresas se poden facer con centos de hectáreas a prezos irrisorios de solo rústico, para pasar imediatamente a solo industrial para produción eléctrica, cunha rendabilidade “estratosférica”.
  • Sobre o impacto visual e paisaxístico, ao afectar a tres areas de especial interese paisaxístico: Suído, Traspielas e río Barragán, motivo polo que “xa foron botados abaixo outros proxectos nesta zona”.
  • Sobre o patrimonio natural e cultural, nunha área en bo estado de conservación, coa presenza de turbeiras e outros hábitats de interese prioritario, e cun rico patrimonio cultural agrogandeiro (chozos, sesteiros, foxos do lobo), a pedra seca (patrimonio da humanidade)
  • Sobre as actividades económicas, xa que os proxectos eólicos en tramitación terán unha incidencia negativa en actividades económicas tradicionais como os proxectos agrogandeiros, forestais, de turismo rural, etc.
  • Sobre a fragmentación fraudulenta, xa que estamos ante un único proxecto, promovido polo mesmo grupo empresarial, e que debería “tramitarse como tal, co seu correspondente estudo de impacto ambiental”
  • Sobre os efectos sinérxicos e acumulativos, xa que existe nesta zona un grande número de parques eólicos en funcionamento, en obras, autorizados e en tramitación que superan amplamente a capacidade de acollida do territorio. “Nun radio de 25 quilómetros xa existen 17 parques eólicos con 421 aeroxeneradores, 22 proxectos autorizados, con 116 aeroxeneradores, e dous parques eólicos autorizados sen acceso e conexión con 7 aeroxeneradores máis. Hai documentos oficiais que din literalmente que ‘a capacidade do territorio de asumir estes proxectos non existe’, xa que están completamente saturados e hai un efecto visual e para as especies”

Iniciativas institucionais

A segunda, e paralelamente a esta recollida de alegacións, “estamos a promover iniciativas no ámbito institucional, tanto no Parlamento galego coma nos concellos”.

Organización e mobilización

E en terceiro lugar “estamos a realziar reunións abertas coa veciñanza e con colectivos” desta zona que se están a organizar e mobilizar contra estes proxectos

O obxectivo final destas tres actuacións é que haxa unha mobilización ampla en todos estes concellos, que haxa unha “resposta social masiva, que os concellos afectados se posicionen en contra para frear esta avalancha eólica depredadora, que afectaría ao futuro destes concellos e das persoas que viven alí”, concluíu o deputado nacionalista.

O BNG lanza unha campaña institucional e social para frear a avalancha eólica depredadora no Suído