DO 18 AO 20 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Pontevedra acollerá o XVII Certame Galego de Bandas de Música

Presentación XVII Certame Galego de Bandas de Música
Presentación XVII Certame Galego de Bandas de Música
Pontevedra acollerá o XVII Certame Galego de Bandas de Música

Pontevedra, 10 de outubro de 2024. O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez acudiu á presentación do XVII Certame Galego de Bandas de Música como anfitrión do evento, xa que o Pazo da Cultura de Pontevedra será o escenario escollido pola Federación Galega de Bandas de Música para a celebración desta edición que terá lugar entre o 18 e o 20 de outubro. 

O vicepresidente da FGBMP, José Luis Tielas quixo“agradecer a todas as administracións o apoio prestado para a celebración do evento que para nós é o máximo exponente da cultura das bandas en Galiza. Tedes unhas instalacións incríbeis e un moi bo recibimento – dixo referíndose ao Pazo da Cultura-. Colaboraremos tamén estreitamente co Concello promocionando o certame polas rúas da cidade”. 

Pola súa banda Demetrio Gómez manifestou estar “encantado de dar a benvida a Pontevedra e ás nosas instalacións á Federación Galega de Bandas de Música e a este XVII Certame Galego de Bandas. As bandas de música cumpren dúas funcións imprescindíbeis: por unha parte son unha excelente escola de formación de músicas e de músicos pero ademais atesoran, comparten, coidan do noso patrimonio musical e permiten que todas e todos nos acheguemos a unhas pezas musicais que senón sería moi difícil que coñecésemos, que se transmitisen e que permiten gozar deste momentos de alegría que nos dan sempre as bandas de música. Cando a FGBMP falou con nós non tivemos ningunha dúbida. Somos unha cidade galega, estamos diante dunha tradición galega e dunhas bandas que existen porque hai a forza dun pobo detrás e nós estamos aquí sempre para botar unha man en todo o que teña que ver coa cultura do noso país”. 

Sobre o certame cabe destacar que as 15 bandas participantes desta edición que optarán aos máis de 20.000€ en premios son: Agrupación Musical do Rosal, Banda Escola de Música de Beade, Banda Filarmónica de Amares, Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, Unión Musical de Coruxo, Banda de Música Unión Musical de Tenorio, Banda de Música Artística de Arcade, Banda Infantil de Lalín, Banda Infantil Maestro Lupi, Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda Juvenil de la Societat Artística Musical d'Alginet, Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño e Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada. 

A presencia de bandas galegas é, como cada ano, a principal do certame. Nesta edición a organización destaca ademais a presenza de tres bandas de recoñecido prestixio de fóra do país: a Banda Filarmónica de Amares, chegada dende Portugal, a Banda Infantil Maestro Lupi de Benavente e a valenciana Banda Xuvenil da Societat Artística Musical d’Alginet. 

Cada unha das bandas participantes deberá interpretar unha peza de presentación, unha obra de libre elección e outra proposta pola organización, seleccionada entre as obras premiadas en anteriores edicións do Concurso Galego de Composición. Técnica, sonoridade, interpretación e escena serán os catro bloques valorados para determinar os gañadores de cada sección. As actuacións serán valoradas por un xurado integrado por 3 personalidades de recoñecido prestixio no mundo da música de banda e estarán asistidos por un integrante da directiva da federación con voz mais sen voto. 

A organización avanzou que está prevista a retransmisión do certame en streaming a través dunha ligazón que facilitará nos próximos días a través das súas redes sociais. 

Pontevedra acollerá o XVII Certame Galego de Bandas de Música