A tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade e axudas á dependencia, consultas máis frecuentes do teléfono de información xeral de Servizos Sociais

Anabel Gulías
Anabel Gulías 11
A tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade e axudas á dependencia, consultas máis frecuentes do teléfono de información xeral de Servizos Sociais

Pontevedra 14 de outubro de 2024. A Concellaría de Benestar Social que dirixe Anabel Gulías vén de facer balance dos primeiros seis meses de funcionamento do teléfono de información xeral dos servizos sociais municipais. As axudas á dependencia e a solicitude da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade foron as consultas máis frecuentes desta experiencia piloto que recibiu máis de 600 chamadas, é dicir, entre catro e cinco cada día. 

Na listaxe de consultas máis repetidas séguenlle as chamadas de persoas estranxeiras para informarse do procedemento para empadroarse, posibles axudas sociais ou itinerarios de inserción laboral; e de drogodependentes ou os seus familiares sobre servizos de atención ou posibles prestacións sociais. 

Neste seis meses tamén se rexistraron preguntas que van desde os pasos a dar para acceder a unha vivenda de protección oficial aos trámites para adoptar; desde como solicitar o cheque bebé a información sobre os beneficios das familias numerosas; desde como tramitar o RISGA ao trámite para o traslado de expedientes sociais entre comunidades autónomas; desde como reclamar gastos de desprazamento ao Sergas a como tramitar a incapacidade... 

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías considera moi positivo este proxecto piloto polos resultados obtidos, así como pola claridade das respostas e polo feito de que o usuario/a recibe tamén a información detallada por escrito no seu correo electrónico. 

A liña activárase cun triplo obxectivo: servir de “primeiro contacto” para pedir información e asesoramento, mellorar a atención dos usuarios e usuarias e optimizar e axilizar o traballo dos servizos. Agora a análise polo miúdo dos datos cuantitativos e cualitativos servirá para definir estratexias comunicativas e outros pasos a seguir polo departamento municipal de Benestar Social. 

O teléfono de información xeral do eido social: 986 84 83 34. Está operativo de luns a venres en horario de 09.00 a 13.00 horas, agás os festivos. Ademais, tamén se habilitou un enderezo electrónico para o mesmo fin: [email protected] 

A tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade e axudas á dependencia, consultas máis frecuentes do teléfono de información xeral de Servizos Sociais