Pontevedra, un verán extraordinario
“Todo o verán en Pontevedra está a ser extraordinario, desde que comezamos alá con BDra Gráfica”, explicou o concelleiro de festas Demetrio Gómez. “Todas as actividades e citas están cheas de xente. O máis bonito desta semana foi ver as rúas ateigadas e as prazas cheas até a bandeira, dándose, ademais, unha convivencia exemplar entre veciñanza e visitantes”.
O concelleiro quixo exemplificar esta boa sintonía entre todas as persoas que pasaron polas festas a través dos propios partes da Policía Local, no que o habitual foi a absoluta normalidade e a non comunicación de incidentes reseñábeis ou destacábeis. Ora ben, o Concello de Pontevedra quixo manifestar “a nosa máis completa condena á agresión machista acontecida durante un dos concertos e o noso apoio coas dúas mozas que foron agredidas”.
“É evidente que está a haber un movemento económico moi importante e tamén vemos que estas festas son de todos e de todas”, indicou. “Temos unhas festas onde todas as actividades son de balde e que, de ser de pago, todas elas esgotarían as prazas e quedaría xente en lista de agarda. Realmente a cidade botou por fóra e foi moi fermoso vela así”.
O edil de Festas quixo facer fincapé en que aínda quedan actividades e citas por diante, como a Festa do Demo (23 de agosto), o Río Verbena (23 e 24 de agosto) ou a Feira Franca (6-7 de setembro), convidando a todos os pontevedreses e pontevedresas que reserven enerxías para esa última recta de verán festivo.
Doutra banda, Gómez quixo agradecerlle a todos os traballadores e traballadoras municipais os seus labores para sacar adiante esta programación tan intensa, ao longo destes últimos meses. “Só podemos dicir que hai un grande equipo traballando para que isto sexa posíbel e só queremos ofrecerlles, de novo, os nosos parabéns, tanto ao persoal municipal como a todas as empresas, colectivos e asociacións que fan as festas unha realidade”.