A nova oficina provisional de turismo de Caldas, a pleno rendemento
Segundo as cifras que manexa o departamento de Turismo do Concello caldense, o traslado da oficina está a dar resultados “impresionantes” dende o primeiro momento. De feito, o número de visitas na Rúa Real en apenas semana e media xa superou o número de consultas do pasado mes de xullo e practicamente iguala os datos dos meses de agosto completos dos anos anteriores. “Sabiamos que o cambio provisional da oficina dende a Tafona á Rúa Real ía ser moi positivo e as cifras están a darnos a razón, incluso superan as nosas expectativas. Agora hai que traballar e consolidar os bos resultados mellorando a calidade e instalacións do servizo”, subliña Fariña.
A análise do perfil de visitantes que chegan á oficina da vila termal amosa que a maior parte das persoas son peregrinas, nunha proporción de 70-30 con respecto a turistas xerais. Das primeiras, un 60% son peregrinos e peregrinas estatais e o 40% de outras partes do mundo.
A afluencia ao punto informativo da Rúa Real nos dez primeiros días de funcionamento supera as cifras de visitas do pasado mes de xullo e iguala os datos dos meses de agosto completos de anos anteriores
En canto á procedencia dos visitantes estatais, a maioría chegan desde Madrid e Andalucía, pero está a consolidarse a tendencia dos últimos anos de turistas procedentes doutras zonas como Cataluña e Comunidade Valenciana, sen esquecer aos visitantes do País Vasco. En canto ao turismo internacional, a maior parte de proveñen da veciña Portugal, de Francia e de Alemaña. A idade maioritaria das persoas que fan as consultas sitúase entre os 35 e os 60 anos.
A maior parte das solicitudes de información que realizan están relacionadas coa propia vila de Caldas e a súa contorna, aínda que tamén hai interese en xeral sobre as Rías Baixas e o Barbanza. Hai que destacar que moitas das persoas turistas xa coñecedoras de Caldas acoden á oficina de turismo para solicitar información sobre as múltiples actividades de todo tipo e das festas que se desenvolven no municipio, o que supón un balance moi positivo para a actividade turística, “algo que repercute de forma importante no desenvolvemento económico da nosa vila”, afirma Fariña.
Así mesmo, en canto ás novas e novos visitantes de paso que fan o Camiño de Santiago o edil atrévese a afirmar “que o atractivo do noso municipio fará que se convertan en visitantes asiduos á vila nas súas próximas vacacións”.