Pontevedra tramita unha axuda humanitaria de 15.000 euros para a UNRWA en Gaza
Pontevedra, 25 de setembro de 2025. O Concello de Pontevedra aprobou este xoves en Xunta de Goberno Local o inicio da tramitación dunha subvención de 15.000 euros destinada á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). Esta axuda, que se xestiona con cargo á partida municipal de proxectos internacionais e humanitarios, ten como obxectivo principal “garantir o dereito á protección da saúde da xente máis vulnerable de Gaza”.
O rexedor explicou que o expediente se atopa actualmente na fase de informes técnicos para a súa aprobación definitiva. A contía de 15.000 euros corresponde á dispoñibilidade actual na partida orzamentaria correspondente, ao atopármonos a final de ano.
Non obstante, Fernández Lores subliñou que este é un primeiro paso e que o compromiso do Concello podería continuar no futuro, ademais de cualificar a situación como unha “masacre que está a facer o exército e o estado israelí”. O alcalde deixou aberta a posibilidade de destinar novas partidas a esta causa en exercicios futuros.
Esta iniciativa enmárcase na liña de actuación solidaria que o Concello de Pontevedra mantivo ao longo dos anos. Lores lembrou outros proxectos humanitarios financiados polo municipio, como a colaboración na reconstrución dun hospital en Tinduf ou a construción dunha escola en Afganistán.
Con esta subvención, o goberno local reafirma o seu compromiso coa axuda humanitaria internacional, destinando recursos a unha das crises máis urxentes da actualidade.