O Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Verducido acordan a cesión dunha parcela de 10,3 hectáreas para a protección forestal e da biodiversidade

Plano Verducido
Plano Verducido
O Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Verducido acordan a cesión dunha parcela de 10,3 hectáreas para a protección forestal e da biodiversidade

Pontevedra, 25 de setembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da aprobación dun convenio coa Comunidade de Montes de Verducido para a protección do patrimonio natural. O acordo supón a cesión ao Concello dunha parcela de 103.000 m2 (10,35 hectáreas) por un período de 30 anos. 

“Esta actuación dá continuidade á política que levamos anos desenvolvendo para a protección de masas forestais, como xa fixemos noutros parques semellantes”, explicou o alcalde. A parcela en cuestión atópase nunha zona estratéxica, lindante co Parque do Pontillón do Castro. 

O proxecto que se levará a cabo neste terreo, cunha valoración estimada de 63.000 euros, consistirá na substitución de especies pirófitas (con maior risco de incendio) por unha banda de vexetación autóctona. Esta medida ten un dobre obxectivo: “protexer a biodiversidade e contribuír á prevención de incendios forestais”, sinalou Lores. 

O rexedor destacou que esta iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla que busca “crear bandas de protección, protexer os leitos fluviais, habilitar sendas e plantar especies autóctonas”. Ademais, o alcalde quixo “agradecer á Comunidade de Montes de Verducido a cesión dos terreos para este uso”, destacando a importancia da colaboración para a conservación do medio ambiente no municipio. 

O Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Verducido acordan a cesión dunha parcela de 10,3 hectáreas para a protección forestal e da biodiversidade