ORGANIZADOS POLO CONCELLO E AFAPO

Xa están de volta en Pontevedra os obradoiros de prevención do Alzheimer

Anabel Gulías
Anabel Gulías
Xa están de volta en Pontevedra os obradoiros de prevención do Alzheimer

Pontevedra, 25 de setembro de 2025. Os obradoiros de estimulación cognitiva e prevención do Alzheimer que promove a Concellería de Benestar Social coa colaboración da Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra- Afapo están de volta, após do parón estival. 

No mes de setembro comezaron a impartirse de novo nas parroquias de Lourizán, Mourente, Marcón, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Alba (Reiriz), Campañó, Cerponzóns e no barrio do Burgo. A actividade terá continuidade nos meses de outubro e novembro. 

Van dirixidos a maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa. Nesta quenda do outono son 165 as persoas inscritas nos obradoiros, aínda que están abertos a novas incorporacións. 

Dirixidos a persoas maiores de 55 anos, conxugan a estimulación cognitiva coa detección temperá de enfermidades neurodexenerativas

As sesións van un paso máis aló que os obradoiros de memoria tradicionais, máis lúdicos e centrados na estimulación cognitiva e interacción social, que tamén promove a concellería dirixida por Anabel Gulías. Neste caso os obradoiros están coordinados por unha traballadora social e unha psicóloga, que fan unha valoración dos participantes e un seguimento da actividade por se fose preciso asesorar ou orientar posibles casos de deterioración cognitiva ou sospeita de Alzheimer ou calquera outra enfermidade neurodexenerativa. 

Están artellados en sesións con dinámicas de grupo que axudan a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión e o traballo en equipos e exercicios colectivos (orais) e individuais que traballan distintas áreas: memoria, linguaxe, escritura, cálculo, atención, funcións executivas, etc. 

En Pontevedra viven 32,635 persoas maiores de 55 anos - 18.416 mulleres e 14.219 homes- conforme os datos do padrón (datos Catafís) o que supón case o 38,4%% da poboación. Deles 20.091 teñen máis de 65. Un perfil demográfico que leva á concellaría de Benestar Social a desenvolver iniciativas dirixidas á participación social e lecer das persoas maiores e á promoción da saúde e prevención do deterioro das capacidades psicofísicas co fin de manter a súa independencia e autonomía o maior tempo posible. 

Xa están de volta en Pontevedra os obradoiros de prevención do Alzheimer