Pontevedra tilda os orzamentos da Xunta como decepcionantes, desesperanzados e sen perspectiva de futuro
Pontevedra, 21 de outubro de 2023. "A ningúen se lle escapa, nunha simple ollada, que o proxecto de orzamentos da Xunta presentan unhas cantidades para pagar proxectos que van atrasados, sinalou o edil de infraestruturas, César Mosquera. "Non hai absolutamente nada máis. Os orzamentos poden ser unha mostra de vontade, aínda que sexa aproximada, e nestes orzamentos non hai absolutamente ningunha vontade de acometer certas cuestións de futuro".
A este respecto, o concelleiro puxo de exemplo a creación da variante de Alba, a rehabilitación de Santa Clara ou o dragado da ría. Mosquera reafirmou que a Xunta só tenta "pagar as obras que están en marcha ou que están a piques de iniciarse, e todas elas en dependencias da Xunta coma o instituto Valle-Inclán, Montecelo ou o que sexa".
Nestes orzamentos non hai absolutamente ningunha vontade de acometer certas cuestións de futuro
Seguindo coa valoración, o edil comentou que os orzamentos son "francamente decepcionantes" á hora de imaxinar as perspectivas de futuro e tamén á hora de facer unhas actuacións en Pontevedra que son absolutamente necesarias.
Nada para a Variante de Alba e rehabilitación de Santa Clara
Mosquera quixo subliñar a ausencia de dúas actuacións en concreto: a variante de Alba e a rehabilitación de Santa Clara.
No caso da primeira, o edil lembrou que a variante de Alba chegou a figurar nos orzamentos do ano pasado, deixando aberta a posibilidade de acometela "aínda que sabiamos que non había moita vontade". "O certo é que nestes intres é ou será máis necesaria que nunca, pois van comezar as obras de remodelación do nó de bombeiros, o que sobrecargará a parte norte da cidade e haberá que desviar fluxos".
A realidade é que a día de hoxe non existe ningún cruce que conecte a estrada de Vilagarcía (PO-531) e a estrada de Santiago (N-550) desde a rúa Domingo Fontán até Barro. "O de San Caetano, que é un bo sitio para que estampen os camións e que ten un trazado moi deficiente para unha circulación segura e cómoda".
Doutra banda, e xa atendendo a ausencia de Santa Clara nos orzamentos previstos pola Xunta de Galiza, o concelleiro pontevedrés lembrou que "nesta mesma sala comentei as actuacións concadeadas, con declaracións estrañas sobre vandalización ou sobre cambios de proxectos eran unha simple escusa para atrasar e paralizar o proxecto".
O edil ten claro que hai dous feitos moi claros: o día 15 rematou o prazo para solicitar as axudas do 2 % cultural que "non se pediron" e que Santa Clara non aparece nos orzamentos autonómicos. "Branco e en botella. Hai unha decisión de paralizar o proxecto porque lles parecerá moi caro ou demasiado investimento para Pontevedra por parte da Xunta ou da Deputación e así queda reflectido", indicou. "Que problema habería en amosar nos orzamentos aínda que fose a vontade de facelo, de incluír Santa Clara? 100.000 ou 200.000 euros para comezar. Nin se puxo".