Pontevedra supera o apagón cun comportamento exemplar e con todos os servizos básicos e de seguridade cubertos e sen incidencias

Miguel Fdez. Lores
Miguel Fdez. Lores
Pontevedra supera o apagón cun comportamento exemplar e con todos os servizos básicos e de seguridade cubertos e sen incidencias

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu un balance polo miúdo do acontecido en relación co apagón eléctrico histórico que se viviu en todo o Estado. O rexedor sinalou a importancia deste suceso, que pon sobre a mesa a enorme dependencia que temos como sociedade da enerxía eléctrica no ano 2025, ao tempo que o definiu como un “suceso grave, do que debemos sacar algún tipo de aprendizaxe”. 

Lores repasou os distintos episodios que se foron dando desde o goberno municipal, como a creación dun gabinete de crise ao pouco de comprobarse que o apagón era excepcional e afectaba a distintas áreas do territorio peninsular. En todo momento e até a volta da electricidade, o concello de Pontevedra tivo asegurado o abastecemento de auga, así como as reservas suficientes para os xeradores de enerxía con combustíbeis fósiles, que foron os encargados de manter en funcionamento os servidores centrais do Concello, o parque de bombeiros ou a sede da Policía Local. 

“Desde o primeiro intre organizamos un operativo que contou con Eva Vilaverde á fronte”, indicou. “Hai que agradecerlle o traballo a todos os corpos de seguridade: Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. As súas primeiras intervencións foron moi áxiles, en relación con persoas atrapadas en ascensores e demais”. 

Coa chegada da noite, o operativo pactado coa subdelegación do Goberno fíxose notar nas rúas da cidade, cunha importante presencia de seguridade, con até 19 patrullas distintas conformada por axentes da Policía Local, Bombeiros, Policía Nacional e Protección Civil. Tamén foi fundamental o seu traballo nas residencias de maiores, colaborando no transporte de persoas aos pisos superiores. 

Tal e como explicou o alcalde, a xornada, alén do evidente e da emerxencia lóxica, transcorreu sen feitos rechamantes ou accidentes graves en todo o municipio. Nese sentido, Fernández Lores quixo destacar o comportamento exemplar da cidadanía de Pontevedra, “foron excepcionais, non houbo ningunha cuestión grave dentro dunha emerxencia grande”. “Agradecemento ás e aos cidadáns e agradecemento aos traballadores traballadoras dos servizos municipais que estiveron desde o primeiro momento a pé de canón”. 

Pontevedra supera o apagón cun comportamento exemplar e con todos os servizos básicos e de seguridade cubertos e sen incidencias