ILLA DO COVO, 6 E 7 DE XUÑO
O Surfing the Lérez revela o seu cartel ao completo e promete dúas xornadas abertas de música e encontro para lembrar
Pontevedra, 2 de maio de 2025. O xa famoso crocodilo do Surfing the Lérez volverá amosar a súa pel verde na Illa do Covo entre o 6 e o 7 de xuño. Na súa décimo terceira edición, o Surfing achega un cartel ecléctico, cun forte compoñenente galego e solidario, e cunha
aposta clara polo indie, o rock e chiscadelas a outros estilos e xéneros. Xunto con todo isto, a súa esencia segue intacta: acceso libre e de balde, ambiente familiar, horario máis diúrno que nocturno, espazos gastronómicos e infantil, catro escenarios distintos...
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá na presentación do cartaz completo do festival, indicando que o Surfing é unha romaría urbana que recolle como ningún outro festival as características que fan de Pontevedra unha vila especial. Destacou a presencia de grupos e artistas galegas, ao tempo que destacou a importancia dunha cita pola que pasan, ao longo de dous días, entre 30 e 40 mil persoas; sexan veciños e veciñas da Boa Vila, ou visitantes que viaxan expresamente a vivir esta experiencia.
O rexedor felicitou a Marcos Rivas, “alma mater do festival”, polo seu labor á fronte da organización e da coordinación dun evento que aparece marcado en vermello na axenda cultural da cidade, e que, dalgún xeito, funciona como punto de partida para o verán musical do concello.
Este ano, bandas e artistas como Néstor Pardo, Shego, Ángel Stanich, Miguel Costas, Levitants, Grima, Anxo Araújo, Alba Reche, Nocturna, Ortiga, Grande Amore ou Arizona Baby pasarán por algún dos escenarios que se elevarán na Illa do Covo. A maiores, 12 picadiscos terán tamén o seu espazo; todos galegos.