O 60% DA POBOACIÓN PRACTICA DEPORTE DE XEITO REGULAR

Pontevedra sitúase como un referente na súa relación co deporte dentro e Galiza e do Estado

Pontevedra sitúase como un referente na súa relación co deporte dentro e Galiza e do Estado

Pontevedra, 5 de febreiro de 2025. Pontevedra é unha vila en simbiose co deporte. É unha das conclusións que se poden extraer do informe ‘Hábitos deportivos no Concello de Pontevedra’ realizado polo Observatorio Galego do Deporte, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do presidente do Clúster Galego do Deporte, Pedro Iglesias, e da coordinadora do estudo, Sofía Toro presentou este estudo pioneiro no país que permite coñecer “como está Pontevedra á hora de falarmos da práctica de actividade deportiva”. 

O estudo achega datos valiosos sobre a relación da veciñanza de Pontevedra coa práctica deportiva e a saúde. Por exemplo, o 50,13 % da poboación afirma camiñar máis de trinta minutos ao día, os sete días da semana; ademais, case o 60 % da poboación practica deporte de xeito regular (unha ou máis veces á semana), unha media moi por riba dos datos do Estado e de Galiza (52,2 % e 46,1 %, respectivamente). 

Doutra banda, un 15 % conta con licenzas federativas, un 36,3 % está abonada ao ximnasio e un 21,8 % forma parte dun club deportivo (de novo moi por riba das medias estatais ou galega). 

Das persoas que formaron parte da enquisa, un 40 % recoñeceu practicar deporte coa saúde como motivación principal, feito que vincula dun xeito especial o deporte coa saúde en Pontevedra en particular (dobra a porcentaxe de poboación que escolle esta motivación no caso de España ou de Galiza). 

Así, o estudo sinala que existe unha gran concienciación sobre a importancia do deporte e dos estilos de vida saudables, ademais de percibirse a implantación dunha cultura deportiva co deporte como un dos eixos centrais da vida da veciñanza, xunto coa existencia dun excelente ecosistema deportivo na cidade con equilibrio entre entidades e instalacións deportivas. 

Pedro Iglesias felicitou ao Concello polo traballo conseguido, pois os datos de Pontevedra “son realmente bos”. “O modelo de cidade desenvolto nos últimos anos está claro que propicia elementos que melloran a saúde das persoas, e é máis que posíbel relacionalo co deporte e a súa práctica”. 

Pola súa banda, o rexedor da Boa Vila recalcou o traballo realizado polo departamento municipal de Deportes, e parabenizou ao Clúster polo seu traballo ao longo destes últimos meses. “O deporte é un dos elementos que nos colocou no mundo como unha referencia”, comentou. “Seguiremos traballando nesta liña, pois estamos encantados de que se perciba que a actividade física é boa para a saúde”.

Resumo do informe 

Pontevedra sitúase como un referente na súa relación co deporte dentro e Galiza e do Estado