Pontevedra recibe a certificación de ouro internacional ‘Gold’, a máxima distincion de sustentabilidade que a World Triathlon outorga a unha proba
Pontevedra, 25 de novembro de 2025. O Concello acolleu este martes 25 ás 11.00h, no Parque Forestal da Tomba, o acto de clausura do Plan de Sustentabilidade do World Triathlon Multisport Championships Pontevedra 2025, no que World Triathlon fará entrega ao Comité Organizador do evento da certificación internacional “Gold”, a máxima distinción de sustentabilidade que o organismo outorga a un campionato.
O acto tivo como base a plantación de 100 castiñeiros, unha das accións de compensación da pegada de carbono prevista no plan ambiental do evento, realizada en colaboración coa Comunidade de Montes de Campañó, a FETRI e a FEGATRI.
No comunicado oficial remitido pola Sustainability Manager de World Triathlon, Jen Cerullo, a Federación Mundial destaca que o Multisport 2025 é o primeiro evento en finalizar a nova versión da certificación de sustentabilidade, un feito que confire un valor engadido ao logro acadado.
World Triathlon subliña tamén que alcanzar o nivel Gold na primeira aplicación desta nova versión constitúe “un enorme éxito e un mérito extraordinario” do equipo organizador. Ademais, a entidade internacional anuncia que empregará parte da documentación e das accións implementadas en Pontevedra como exemplos de “best practice” para outros eventos do mundo, situando o traballo realizado na cidade como referencia para o futuro da sustentabilidade no deporte.
O Plan de Sustentabilidade foi deseñado por unha empresa pontevedresa, Equilátero DSC, baixo a dirección da súa CEO, Saleta González Pimentel, quen coordinou o proceso técnico, a metodoloxía e a avaliación das accións implementadas.
O recoñecemento internacional por parte de World Triathlon pon en valor tanto a calidade do traballo desenvolvido como a capacidade profesional do tecido local pontevedrés, que contribúe de forma directa ao prestixio e á proxección exterior da cidade.
Entre os indicadores máis destacados do plan figuran:
- 74 % de separación e desvío de residuos, un dos mellores rexistros do circuíto mundial
- Eliminación de 65.000 botellas de plástico, grazas ao uso de vasos reutilizables e fontes adicionais, evitando máis de 617,5 kg de plástico.
- Reutilización de perto de 4.000 m2 de moqueta deportiva por federacións e entidades locais.
- Recuperación de 1.200 kg de papel, 1.100 kg de envases e 380 kg de materia orgánica.
- Implantación de 57 pictogramas e zonas adaptadas para accesibilidade universal.
- Colaboración activa con entidades sociais como Xoán XXIII, Boa Vida, AECC, Comedor de San Francisco, Cruz Vermella e Banco de Alimentos.
O alcalde lembra que Pontevedra é unha cidade capaz xa non só de acoller grandes eventos internacionais deportivos, senón que pode facelo deste xeito, apostando polo medio ambiente e cun carácter de seu. O rexedor destaca a liña de traballo do Goberno Local e de toda a cidade en xeral á hora de repensar unha vila con futuro, cunha marcada liña pola natureza, definíndoa como unha Pontevedra responsábel.