SÁBADO 29. 10.30 H. CENTRO SOCIAL DO GORGULLÓN
O nesgo de xénero ou orixe na ciencia e na IA, as migracións climáticas e o racismo, e a xenética, a debate no foro ‘Pontevedra multicultural: ciencia pola igualdade’
Pontevedra, 24 de novembro de 2025. O centro social do Gorgullón acollerá o vindeiro sábado 29 de novembro a partir das 10.30 horas unha xornada de investigación e diversidade, que baixo o nome de “Pontevedra multicultural: ciencia pola igualdade”, porá enriba da mesa cuestións como: os nesgos na ciencia (de xénero, identidade racial, orixe...) e na intelixencia artificial; as migracións climáticas e os discursos xenófobos, racistas e de odio e os estudos de biomedicina sobre xenética de poboación. A entrada é libre ata completar aforo.
O encontro está promovido pola Concellería de Igualdade, no marco da programación do 25-N desenvolvida durante todo o mes, e organizada polo portal gciencia.com
Da man da ciencia, os relatores identificarán nesgos de xéneros ou discriminacións raciais en, por exemplo, experimentos médicos ou avaliacións científicas do pasado, que hoxe en dia se reproducen na intelixencia artificial. E tamén evidencias sólidas de que o concepto de “raza” carece de base biolóxica ou que todas as poboacións do planeta están conectadas e que a diversidade é parte esencial da nosa historia.
O encontro no Gorgullón pretende ser un espazo de reflexión crítica, informada e plural, arredor da multi-culturalidade, o feminismo e o racismo e os retos da convivencia global, a través duns relatorios-debate que conxugan rigor académico, compromiso social e divulgación accesible.
Pontevedra é unha cidade referente, non só polo seu modelo urbano, senón tamén na aposta pola educación, igualdade, ciencia e dereitos humanos. Unha aposta poliédrica reflectida na xornada Pontevedra multicultural
Programa. PONTEVEDRA MULTICULTURAL- Ciencia pola Igualdade
10.15 horas. Inauguración.
10.30 horas. Relatorio 1. "De Henrietta Lacks á IA: os múltiples nesgos na ciencia", a cargo de África Iglesias, bióloga, e Laura Castro, profesora da área de Ciencia da computación e intelixencia artificial da Universidade da Coruña (UDC)
11. 30 horas. Relatorio 2. "O impacto das migracións climáticas nos discursos racistas", a cargo de Kenia Espiñeira González, socióloga e profesora na Universidade da Coruña (UDC) e Ignacio Varela Ramos, membro do Centro de investigación interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC)
12.30 Relatorio 3. "Unha ollada dende a xenética: existe o ADN galego?", a cargo de Antonio Salas Ellacuriaga, xenetista e catedrático de Medicina na Universidade de Santiago (USC), que lidera o grupo de investigación Xenética de Poboacións en Biomedicina do IDIS.
Esta xornada de investigación e diversidade estará presentada e guiada pola xornalista Laura Filloy