A INSTALACIÓN ARTÍSTICA EN MEMORIA DAS MULLERES ASASINADAS SUMA CATRO NOVAS PLACAS
Lores: “A loita contra o machismo continúa, as mulleres teñen que saber que non están soas, que a meirande parte da sociedade está apoiando as súas reivindicacións”
Pontevedra, 25 de novembro de 2025. “A loita contra o machismo continúa, as mulleres teñen que saber que non están soas, que teñen a meirande parte da sociedade apoiando as súas reivindicacións”, subliñou hoxe o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, ao carón da instalación artística do 25-N, situada diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, en memoria das vítimas asasinadas pola violencia machista, que incorpora catro novos nomes, por mor dos catro feminicidios rexistrados na provincia no 2025.
Este foi o escenario escollido polo Goberno Local para amosar o rexeitamento contra a violencia exercida contra as mulleres polo feito de selo, co gallo do Día Internacional contra as violencias machistas, principiando unha xornada chea de actos reivindicativos. Xunto a el estaba unha ampla representación do Goberno Local coa concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, á fronte e membros do grupo municipal do PSOE e do PP.
A presenza das tres forzas políticas con representación municipal foi valorada polo alcalde: “creo que é importante que esteamos todos os grupos aquí, que manteñamos unha loita sen fisuras, pois a violencia machista é un problema transversal da sociedade” . E para facerlle fronte, engadiu, “hai que adicar máis cartos e recursos á hora de protexer ás mulleres que queren independizarse, abandonar unha situación que pode acabar en asasinato”.
Memoria, rexeitamento e xustiza. Son os valores que guían a instalación artística en memoria das vítimas asasinadas pola violencia machista e vicaria na provincia de Pontevedra desde que hai datos oficiais: 34 mulleres e 2 crianzas desde o ano 2003.
As novas placas lembran a: M.C.P., 49 anos, asasinada en Campo Lameiro; R.R.G. de 78 anos, veciña de Cerdedo-Cotobade; E.G.D. de 61 anos e de Vilagarcía de Arousa) e T.d.J.G. de 48 anos, asasinada no Porriño.
O crime de Campo Lameiro segue en fase de investigación; os de Cerdedo e Vilagarcía foron matricidios e a vítima de Porriño é unha traballadora do SAF asasinada por un usuario do servizo.
No chan da praza hai agora 36 círculos conmemorativos: 34 negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas —que van dos 25 aos 82 anos— e 2 brancos, coas iniciais das dúas irmáns vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos.
O obra inclúe tamén un círculo máis grande cun texto explicativo que remata cunha mensaxe que interpela a todas e todos: Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS.