Caldas inicia as obras de restauración da Carballeira retirando as especies invasoras e os exemplares en mal estado

Manuel Fariña co director da obra e representante da empresa adxudicataria
Manuel Fariña co director da obra e representante da empresa adxudicataria
Caldas inicia as obras de restauración da Carballeira retirando as especies invasoras e os exemplares en mal estado

Caldas, 24 de novembro de 2025. O Concello de Caldas vén de iniciar as obras de restauración da Carballeira e o Xardín Botánico. O tenente de alcalde Manuel Fariña reuniuse  co director de obra, o decano do Colexio de Enxeñería Agrónoma de Galiza, Pedro Calaza, e representantes da empresa ‘Xestión Ambiental de Contratas’ para coordinar o comezo dos traballos, que se prolongarán durante un prazo de cinco meses. 

Segundo explica Fariña, as melloras a desenvolver son bastante sinxelas a nivel técnico e teñen como obxectivo a recuperación da riqueza botánica do parque xardín para a mellora patrimonial, da estética, da funcionalidade e do espazo. O proxecto inclúe actuacións previas, supervisión arqueolóxica, labores de albanelería, adecuación de instalacións de rego e alumeado, pavimentos, xardinería, paisaxe, equipamento e mobiliario. 

Na reunión entre o responsable municipal e o persoal técnico púxose sobre a mesa o cronograma. Na primeira fase, os labores están xa a centrarse na retirada das especies invasoras existentes, da vexetación en mal estado, degradada ou dexcontextualizada, así como na eliminación de especies tapizantes. Tamén se fará un transplante de parte dos exemplares retirados en bo estado a outras zonas do termo municipal, especialmente de pés espontáneos de diferentes especies que resulta interesante conservar.

Na seguinte fase retirarase todo o mobiliario, bancos, papeleiras e cartelería; levantaranse os farois en mal estado, desmontarase o cableado nas copas das árbores, os puntos de toma de corrente eléctrica, as casetas de madeira para os colectores do lixo e o escenario; demolerase a soleira de formigón e levantaranse os pavimentos en mal estado. 

Posteriomente, realizaranse os traballos de albanelería de limpeza xeral de muros de pedra e peches de perpiaños na zona do río, a restauración das gradas e o arranxo de bordos. Poranse a cota os pozos de saneamento e instalaranse novas bocas de rego e puntos de luz, ademais de recuperar e recebar os camiños existentes e pavimentar o camiño da Ruta dos Muíños segundo un deseño a modo de pedras de muíño toradas de granito de diferentes tamaños. 

Unha vez realizado todos estes labores, o cronograma prevé comezar coas actuacións de xardinería, estendendo terra vexetal e do ‘mantillo’, para despois emendar os parterres e plantar novos exemplares, creado composicións de bosquetes densos e laxos para recuperar o aspecto primixenio. 

Segundo o tenente de alcalde de Caldas Manuel Fariña, a restauración da Carballeira e o Xardín Botánico poderá estar finalizada a principios da primavera do ano que vén. Cabe lembrar que o proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha  subvención de 1,4 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Turismo. 

Caldas inicia as obras de restauración da Carballeira retirando as especies invasoras e os exemplares en mal estado