20-29 DE XUÑO
Pontevedra prepárase para o Mundial Multisport cun amplo operativo de seguridade e mobilidade
Pontevedra, 20 de maio de 2025. Tal e como vén demostrando Pontevedra ao longo dos anos, a capacidade organizativa da cidade para acoller grandes eventos deportivos é unha certeza. Así, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu este martes, 20 de maio, a Xunta Local de Seguridade, acompañado do subdelegado do Goberno, Abel Losada, xunto cos distintos mandos e/ou representantes dos diferentes corpos de seguridade (Policía Local, Nacional e Garda Civil) que se coordinarán durante o Campionato do Mundo de Triatlón Multisport á hora de facelo unha realidade.
O operativo especial que se celebrará durante o transcurso das distintas probas que se levarán a cabo ao longo desta cita deportiva internacional xa ten luz verde para a súa aplicación. Lores destacou a "complexidade" dun evento destas características, tanto pola súa forma como pola súa duración (o Multisport iniciase o 20 de xuño e remata o día 29), e afectará a viarios de todas as administracións: estatal, galega, provincial e municipal (e catro concellos notarán a súa celebración: Poio, Marín, Barro e Pontevedra).
Seguindo o proceso habitual de celebracións anteriores, o Concello de Pontevedra, a través das canles necesarias, difundirá campañas informativas dirixidas á veciñanza para dar conta de todas as posíbeis restricións ou limitacións que xeren as probas, ben a nivel xeral, ben a nivel individual para cada cita. Redes sociais, buzoneos masivos, paneis informativos, novas roldas de prensa, medios de comunicación... A idea é que ningún cidadán ou cidadá quede sen saber destas molestias inevitábeis derivadas do Multisport.
O alcalde explicou que até 350 persoas voluntarias colaborarán coa organización para facer posíbel o bo desenvolvemento deste evento a todos os niveis; ademais da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e a Brilat. Por continuar coas cifras, até un total de 39 ambulancias intervirán durante o Multisport, xunto con 30 médicas. "Hai un dato que me parece realmente chamativo, como é a colocación de 7.000 sinais", valorou Lores.
Cómpre sinalar a obrigatoria e excelente coordinación entre todo este operativo de persoas e traballadores para que Pontevedra e o mundo poidan gozar dunha cita única e exitosa. Está prevista a instalación tamén dun posto de mando sobre o terreo para reforzar e seguir en tempo real cada xornada, en continua comunicación coa organización e equipo técnico do Mundial.
Fernández Lores agradeceu a implicación e esforzo de todas as persoas que forman parte deste operativo, en especial á Policía Local de Pontevedra, responsábel do plan de tráfico que permitirá manter a mobilidade da cidadanía en todo momento e cubrir calquera tipo de incidencia e emerxencia. Tamén quixo agradecerlle á veciñanza a súa comprensión en intres puntuais, á hora de sobrelevar as pequenas molestias que pode ocasionar un evento destas características no normal funcionamento da cidade.