Pontevedra lanza unha nova edición do programa 'O monte é teu’, cunha chea de actividades para gozar da natureza
Pontevedra, 20 de maio de 2025. A concelleira de Montes, María Xosé Abilleira, presentou unha nova edición do programa 'O monte é teu', unha iniciativa xa consolidada na axenda municipal tralo éxito dos anos anteriores, éxito que amosa o grande interese da cidadanía pontevedresa á hora de coñecer os seus montes e as posibilidades de lecer que estes poden ofrecer.
Abilleira explica que desde o goberno municipal “seguimos apostando con forza por poñer en valor o uso e gozo dos nosos parques forestais”, considerados espazos únicos que combinan natureza, lecer e identidade. “O obxectivo é que as familias, a mocidade, e tamén a xente maior, se achegue ao monte para coñecer cada un dos seus recunchos”.
Nesta nova edición levarase a cabo unha ampla programación de até 20 actividades, pensadas para realizar en familia e con xente de todas as idades. O fío condutor é o coñecemento da biodiversidade destes espazos forestais dende unha perspectiva lúdica. “Queremos que as persoas aprendan xogando, atopen especies autóctonas, entendan o valor dos nosos ecosistemas e gocen dos nosos espazos naturais”.
As actividades desenvolveranse dende o 23 de maio ata o 21 de xuño, repartidas nos tres parques forestais de Pontevedra, con seis actividades no parque forestal da Fracha, oito no da Tomba e seis na contorna do Pontillón do Castro. En total, o Concello ofertará de xeito libre e gratuíto un total de 450 prazas. Repetiranse actividades de gran acollida como as rutas interpretativas, a observación astronómica, os xogos tradicionais ou as observación directas de plantas e animais; sempre cun enfoque creativo e de respecto polo medio. Como novidade este ano, inclúense obradoiros artísticos e creativos, coñecemento de plantas para uso cotián e actividades deportivas como o paddle surf.
Os prazos de inscrición xa están abertos para as primeiras actividades. Por mor da gran acollida que teñen estes obradoiros e sendo as prazas limitadas, recoméndase apuntarse canto antes, pois as prazas adxudícanse por rigorosa orde de chegada. É posíbel realizar esta inscrición a través da seguinte ligazón. Existe un límite de catro prazas por cada persoa na inscrición.
“O programa ‘O Monte é teu’ é unha mostra do noso orgullo polo rural, pola nosa terra, polas nosas tradicións e pola xente que vive e coida deses espazos durante todo o ano”, explicou Abilleira. “O Concello quere agradecer a gran xenerosidade das Comunidades de Montes de Marcón, Tomeza, Canicouva, Campañó e Verducido pola cesión dos espazos. O monte é de todos, cómpre vivilo, gozalo e respectalo”.