VENRES 23 A PARTIR DAS 18 H.
A Biblioteca de Caldas acolle un obradoiro broches e chaveiros para pequenas grandes lectoras
Pontevedra, 20 de maio de 2025. O Concello de Caldas de Reis, a través do departamento de Cultura, vén de organizar un novo obradoiro dentro do programa ‘Rebumbio na biblioteca’ que como cada venres enche de actividades para a rapazada as instalacións municipais da sala Martínez Ferro. Nesta ocasión será un obradoiro de broches e chaveiros a cargo do ‘Faiado de Nin’ destinado a pequenas grandes lectoras de máis de catro anos.
Trátase dun obradoiro no que as e os participantes elaborarán uns orixinais broches e chaveiros en formato ‘mini-libro’ mediante o uso de materiais como feltro, goma-eva, abelorios, lazos e apliques. A actividade será moi dinámica xa que cada participante poderá elaborar varios modelos para si mesma ou para agasallar a quen queira.
O obradoiro, que terá lugar o venres a partir das seis da tarde e é totalmente de balde, precisa inscrición previa nas propias instalacións municipais ou no teléfono 986 53 06 04, xa que as prazas son limitadas.
Na biblioteca a rapazada contará con todo o material necesario para realizar as súas creatividades. “O único que haberá que traer da casa será empeño e imaxinación”, subliña o Tenente de Alcalde Manuel Fariña.
A biblioteca municipal de Caldas está a ter unha grande actividade neste mes de maio, xa que ademais de poñer en valor as Letras Galegas aconsellando lecturas para todo tipo de público, tamén se teñen realizado varias presentacións de libros infantís e para público adulto, grupos de conversa, teatro e circo. Para o vindeiro venres 30 está prevista una sesión de contacontos cos ‘Grandes éxitos’ de Caxoto, ás 18 horas, tamén para rapazada a partir de catro anos.