Soutomaior avanza no proxecto para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral

Manu Lourenzo, Nava Castro e veciñas e veciños do Val Sobral
Manu Lourenzo, Nava Castro e veciñas e veciños do Val Sobral
Soutomaior avanza no proxecto para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral

Soutomaior, 20 de maio de 2025. Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, recibiron nesta xornada a deputada provincial de Turismo, Nava Castro, no barrio do VAL-SOBRAL para coñecer de primeira man as zonas onde se van realizar as obras de mellora e humanización. 

O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que vai desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, o proxecto contempla tamén o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación.

Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas. Así, converteranse en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza.  

Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investirá preto de 160.000 euros nunhas obras que se agarda estean rematados este mesmo ano, e que darán solución a dúas necesidades da veciñanza: a mellora na mobilidade do barrio e a creación de espazos públicos que poñan en valor tanto a zona arquitectónica da zona como os elementos patrimoniais. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con esta actuación daremos solución ás deficiencias que presenta desde hai moitos anos o barrio do Val-Sobral, como pode ser o mal estado xeneralizado da estrada principal e as dificultades de acceso en varios puntos do barrio. Un investimento que rematará cunha inxustiza histórica que existía con este barrio do concello, o Goberno Local quixo sacar adiante este proxecto que suporá unha mellora sen precedentes para o Val-Sobral. 

O alcalde sinalou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza. Hoxe en Soutomaior fanse máis obras e investimentos ca nunca grazas a esa planificación estratéxica e a unha xestión económica referendada polos informes de intervención e secretaría, que nos vai permitir destinar máis de 3 millóns de euros en 2025 a investimentos en obras e proxectos”, concluíu Manu Lourenzo. 

Soutomaior avanza no proxecto para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral