Pontevedra participa no Cairo no World Urban Forum de ONU Hábitat para abordar a renovación urbana verde das cidades
Pontevedra, 6 de novembro de 2024. Pontevedra participa este venres, 8 de novembro, no World Urban Forum (WUF), organizado polo Programa das Nacións Unidas para os Asentamentos Humanos (ONU-Hábitat), e que ten por obxecto reunir cada dous anos a líderes, expertos e representantes de diversas organizacións para tratar temas relacionados coa urbanización sostible e o desenvolvemento urbano a nivel mundial.
O Concello estará representado polo concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda que participará no obradoiro sobre redacción e implementación dunha estratexia de renovación urbana verde, e porá a Pontevedra como exemplo.
Ademais de Pontevedra, neste evento participan diversos representantes entre eles o Ministerio de Planificación Física, Construción e Patrimonio do Estado de Croacia e do Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento.
O WUF 2024, que se celebra no Cairo entre o 4 e o 8 de novembro, ten como lema "Todo empeza na casa: accións locais para cidades e comunidades sostibles". O evento céntrase na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente o Obxectivo 11, “cidades e comunidades sostibles”, e servirá como plataforma para que os gobernos locais e rexionais compartan as súas experiencias nas axendas globais.
A invitación feita polo Goberno de Croacia xurdiu no contexto de traballo do Partnership Greening Cities da Axenda Urbana da Unión Europea, no que participa activamente Pontevedra. Este grupo, no que están involucradas diferentes cidades europeas, gobernos estatais, entre eles Croacia, e diferentes unidades da Comisión Europea, están a desenvolver un Plan de Acción que apoie a posta en marcha de iniciativas que axuden a reverdecer as cidades e a adaptalas aos efectos do cambio climático, mellorando a súa habitabilidade a medio e longo prazo. Pontevedra está a liderar actualmente 1 das 6 accións definidas, centrada en establecer un sistema europeo de indicadores para avaliar a implementación de plans locais de infraestrutura verde ou de renaturalización urbana.