Protección Civil Oitavén-Tea participa no dispositivo de axuda ás persoas afectadas pola DANA de Valencia
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quen onte mantivo na base de Protección Civil en Soutomaior un encontro con parte dos voluntarios que se desprazaron ata Valencia, sinalou que o Concello puxo a disposición da agrupación Oitavén-Tea o material técnico necesario para desenvolver as tarefas que se lle encomenden, tal e como solicitan desde a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP).
Así, os seis efectivos de Protección Civil Oitavén-Tea levaron consigo un xenerador de electricidade, alargadeiras e regletas, focos e elementos de sinalización, palas, escobóns, mazas, machadas, garrafas de gasolina, extintores, cableado e ferramenta variada.
O alcalde Manu Lourenzo agradeceu a disposición dos e das voluntarias de Oitavén-Tea, que están xa en Valencia desde primeira hora da mañá, para participar no dispositivo técnico coordinado coas diferentes autoridades que están traballando na zona afectada. “Sabemos que están alí achegando todo o seu coñecemento e a súa experiencia de maneira útil, achegando o seu gran de área a arranxar o desastre provocado pola DANA”.
Neste sentido, Manu Lourenzo subliñou as numerosas mostras de solidariedade da veciñanza de Soutomaior. “Sentímonos moi orgullosos da resposta que están dando os nosos veciños e veciñas antes esta situación”, sinalou o alcalde, quen tamén fixo un chamamento á cautela e a actuar con responsabilidade. “Pregamos que se sigan as indicacións dos organismos oficiais situados no terreo e que toda a colaboración se faga unicamente a través destas vías”, concluíu o alcalde de Soutomaior.