Pontevedra logra unha xestión de investimentos histórica no 2025, superior aos 66,5 millóns de euros en proxectos de enorme relevancia para a cidade

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores
Pontevedra logra unha xestión de investimentos histórica no 2025, superior aos 66,5 millóns de euros en proxectos de enorme relevancia para a cidade

Pontevedra, 18 de decembro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo un repaso exhaustivo das obras e investimentos tramitados, adxudicados ou en licitación ao longo do ano 2025, destacando a xestión realizada por parte do Concello de Pontevedra. 

Poñendo o foco na cuestión económica, é posíbel falar dunha suma superior aos 66,5 millóns de euros a través dos distintos proxectos en marcha. Estas cifras non teñen precedentes na xestión municipal, sendo un montante absolutamente descoñecido e histórico ata o de agora. O rexedor quixo resaltar que a importancia non reside só na cifra económica, senón na gran transcendencia das actuacións para a cidade, que melloran o seu funcionamento e servizos e redundan na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas. 

As obras que están actualmente en licitación ou pendentes de inicio inmediato suman un montante de case 26 millóns de euros. Neste apartado inclúense a rehabilitación de firmes (máis de 5 millóns de euros), as obras no Gafos, Rosalía de Castro, Casimiro Gómez, a iluminación da zona norte (xa en execución), entre outras. 

Por outra banda, as obras en execución ou rematadas este ano suman 14,6 millóns de euros. Entre elas atópanse o Parque da Parda, a iluminación da Illa do Covo e a Xunqueira de Alba, o Centro Social de Acevedo, e a reforma e remate do Teatro Principal. Neste grupo tamén figuran proxectos importantes rematados, como o do edificio de Churruchaos (cuxa recepción está asinada) e a rúa da Santiña, xunto co Conservatorio e a xestión intelixente da mobilidade (cámaras e sensores). 

En relación con outros traballos e proxectos executados no ano 2025, investíronse 2,9 millóns de euros, abarcando dende as actividades de Capital Gastro, a mellora do acceso ao campo de fútbol de Salcedo, o mantemento rural (Rúas San Cristóbal), e o mobiliario urbano. 

O repaso incluíu, ademais, outras xestións importantes realizadas en 2025, cun total de 21,8 millóns de euros. Lores destacou a compra de terreos en San Amaro, a subvención do EDUSI (8,7 millóns de euros, dos cales un 60 % é subvención europea), e o contrato de residuos, cunha achega anual de 11,9 millóns de euros. 

Cómpre sinalar que alcalde tamén informou sobre o proxecto de mellora e reforma da pasarela 12 da rúa 12 de novembro, incluída no repaso das obras, indicando que se recibiu a autorización de ADIF. A execución desta obra, que ten un prazo de 9 meses e xa conta cun contrato asinado coa empresa responsábel, retomarase unha vez pasados os días de Nadal.

Pontevedra logra unha xestión de investimentos histórica no 2025, superior aos 66,5 millóns de euros en proxectos de enorme relevancia para a cidade