ORGANIZADO POR VÍA GALEGA E GALIZA CULTURA

Intervención de Eva Vilaverde no acto con motivo do aniversario do Himno Galego

Intervención de Eva Vilaverde no acto con motivo do aniversario do Himno Galego

O 20 de decembro, lembramos un feito que vai moito máis alá dunha efeméride musical. Hai 118 anos, no Gran Teatro da Habana, o pobo galego escoitaba por primeira vez o seu himno. Fíxoo lonxe da terra, na emigración, pero co país moi presente no corazón. E iso non é casualidade: o himno naceu como unha expresión de dignidade, de conciencia e de vontade colectiva de ser pobo. 

O Himno Galego é moito máis ca unha canción solemne. É unha chamada á autoestima, á unidade e ao orgullo de quen somos. Un símbolo que nos lembra que Galiza existe como pobo, con lingua, cultura, memoria e futuro. E por iso, cantalo xuntas en voz alta é tamén un acto de afirmación colectiva. 

Esta cantada aquí, na Praza da Verdura de Pontevedra, é profundamente significativa. Porque Pontevedra foi e é berce do pensamento galeguista, da creación intelectual e do compromiso político coa nación galega. Aquí medraron figuras como Castelao ou Alexandre Bóveda, que entenderon que non hai liberdade sen identidade, nin identidade sen lingua. A defensa da nosa palabra foi sempre a defensa da nosa terra. E nesa defensa, o himno pronto se converteu no son da nosa unidade. 

Desde Pontevedra, e da man das Irmandades da Fala, impulsouse a defensa do galego como lingua plena, digna e necesaria para construír país. Esa mesma conciencia é a que está detrás do noso himno, da letra creada por Eduardo Pondal, unha letra que non fala de resignación, senón de erguerse, de loitar, de recoñecerse como suxeito colectivo. 

Por iso, hoxe tamén reivindicamos a restauración da letra orixinal do himno. Non por nostalxia, senón por coherencia histórica e política. Porque nesa letra está a forza simbólica dun pobo que quere ser dono do seu destino. Porque as palabras de Pondal non son só versos, son a memoria poética da nación galega que el soñaba e recuperala é devolverlle a integridade ao noso símbolo. 

Cantar o himno é un acto sinxelo, pero profundamente poderoso. É dicir: estamos aquí, somos Galiza e sentimos orgullo de selo. Que ninguén nos faga pensar que iso é pouco ou que non importa. Importa, e importa moito. 

Remato convidando a todas e todos a cantar o himno con emoción, con respecto e con orgullo. Porque cada vez que o facemos, fortalecemos a nosa identidade, a nosa lingua e o noso futuro como pobo. 

Galería de imaxes

Intervención de Eva Vilaverde no acto con motivo do aniversario do Himno Galego