PASO FUNDAMENTAL PARA PODER INICIAR A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE

O Concello de Barro adxudica o proxecto de demolición dos edificios da parcela na que se construirá o novo centro de saúde

Xosé Manuel Fernández Abraldes
Xosé Manuel Fernández Abraldes
O Concello de Barro adxudica o proxecto de demolición dos edificios da parcela na que se construirá o novo centro de saúde

Barro, 19 de decembro de 2025. A Xunta de Goberno do Concello de Barro celebrou onte unha sesión na que se aprobaron dous proxectos de especial relevancia para o municipio, ambos financiados con cargo a fondos propios municipais.

Por unha banda, acordouse a adxudicación da demolición dos edificios existentes na parcela onde se construirá o novo centro de saúde de Barro, un paso imprescindible para que poidan iniciarse as obras desta infraestrutura sanitaria tan demandada pola veciñanza. A actuación conta cun orzamento de 93.472 euros e será executada pola empresa Demolicións Coruña, especializada neste tipo de traballos, por ser a mellor oferta presentada.

Este trámite supón o último paso previo ao inicio da construción do novo centro de saúde, avanzando así na materialización dun proxecto estratéxico para a mellora da atención sanitaria no concello.

Reforma da cuberta da Casa do Concello

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación das obras de reforma da cuberta da Casa do Concello, unha actuación necesaria dado o moi mal estado da cuberta, que presenta filtracións de auga constantes, a pesar de tratarse dunha obra relativamente recente.

Nos últimos anos realizáronse pequenas intervencións para intentar resolver o problema, pero a situación fai necesaria unha actuación integral e definitiva. Na actualidade, como consecuencia destas filtracións, o terceiro andar da Casa do Concello atópase inhabilitado, polo que esta actuación permitirá recuperar espazo para o desenvolvemento de actividades municipais.

O proxecto conta cun orzamento de 59.900 euros e será executado pola empresa Transportes e Cantería Antonio, que foi a única oferta presentada.

Estas dúas actuacións está previsto que se inicien e se rematen no primeiro trimestre de 2026.

O Concello de Barro adxudica o proxecto de demolición dos edificios da parcela na que se construirá o novo centro de saúde