Pontevedra licita a reforma integral do parque de Luís Otero e o parque sobre a pasarela de Doce de novembro

Pontevedra licita a reforma integral do parque de Luís Otero e o parque sobre a pasarela de Doce de novembro

Pontevedra. 2 de xullo de 2026. O Concello aprobou esta mañá a licitación da reforma integral do parque da rúa Luís Otero, no barrio do Burgo cun orzamento de 450.000 euros e un prazo de execución de seis meses, as empresas interesadas disporán de 26 días hábiles para presentar as súas ofertas.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que esta obra supón un paso máis no modelo de cidade que sitúa ás persoas no centro da planificación urbana. "Trátase dunha transformación absoluta dun espazo que tiña xa 25 anos de antigüidade e que agora se converterá nun punto de encontro interxeracional de referencia no Burgo", sinalou o rexedor.

Lores destacou, tamén, o valor ambiental do proxecto que "segue criterios de sustentabilidade e resiliencia. En momentos onde as temperaturas son cada vez máis elevadas, a creación de zonas verdes, arboradas e espazos de sombra é unha prioridade para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños", apuntou o alcalde.

A actuación estruturarase en tres grandes áreas diferenciadas sobre o espazo actual. A primeira delas consistirá nunha gran zona de xogos infantís pechada de 425 metros cadrados, totalmente accesible. Esta área estará dotada de modernos aparatos de xogo, zonas de estancia con mobiliario renovado e un gran banco en voladizo de 18 metros de lonxitude que se instalará aproveitando o muro perimetral.

O segundo eixe do parque situarase na zona noroeste, onde se construirá unha pista de 13 por 8 metros paraxogos deportivos. A carón desta zona, instalarase unha tirolina.

A terceira zona, situada no extremo leste que dá cara á avenida de Compostela, destinarase á práctica de exercicio físico ao aire libre coa instalación de ata dez estacións de adestramento diferentes.

Todo o deseño do parque contará cunha tematización especial arredor da historia do Pontevedra Club de Fútbol e o campo de Pasarón. Co obxectivo de fomentar a interacción interxeneracional, o parque incorporará un pequeno anfiteatro ou zona de grada para que as familias dispoñan dun espazo de estancia cómodo mentres a rapzada utiliza as instalacións lúdicas e deportivas.

O Concello licita de novo o parque sobre a pasarela de Doce de Novembro

A Xunta de goberno aprobou tamén o inicio da licitación do parque urbano de Doce de Novembro situado sobre a pasarela do tren. O proxecto sae a licitación cun orzamento de 690.336 euros e un prazo de execución de catro meses. O expediente sae de novo a concurso público despois de que a anterior adxudicataria entrase en quebra, o que obrigou a rescindir o contrato e paralizar os traballos. O importe de licitación mantén o orzamento orixinal modificado cunha redución de 20.000 euros, cantidade que corresponde á parte das obras que xa foran iniciadas antes da paralización.

O financiamento do proxecto realízase de xeito íntegro a través dun convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra con cargo aos fondos provinciais que lle corresponden ao Concello de Pontevedra.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción pola reactivación desta obra e salientou a utilidade peonil da infraestrutura. "É unha alegría que volva saír a licitación", sinalou o rexedor, quen destacou que a pasarela actual é un espazo moi utilizado polos veciños e que esta ampliación xenerosa axudará a crear zonas arboradas para diminuír a temperatura.

O deseño técnico prevé unha transformación integral do espazo que contará cun deseño de pavimento continuo de formigón armado en tons branco e negro, delimitado con bandas de granito silvestre e combinado con lousas ecolóxicas ecoGranic con capacidade para descontaminar o aire. Así mesmo, instalaranse pavimentos podotáctiles para garantir a accesibilidade de persoas con discapacidade visual.

A conectividade peonil resolverase mediante unha rampla adaptada con pasamáns de aceiro inoxidable que unirá o parque coa rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, habilitándose tamén un acceso traseiro ás edificacións existentes.

A humanización do espazo completaráse cunha fachada vexetal no linde leste para cubrir as medianeiras dos edificios e unha banda arborada na rúa Doce de novembro que contará con especies como pradairo americano, pradairo sacarino, catalpa, xacarandá, liquidámbar e cerdeira xaponesa. Disporá de bancos, papeleiras e iluminación led.

Pontevedra licita a reforma integral do parque de Luís Otero e o parque sobre a pasarela de Doce de novembro