Pontevedra convoca o VI Premio literario Pinto e Maragota para visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero
Pontevedra, 3 de xullo de 2026. O Concello de Pontevedra convoca, coa colaboración de Edicións Xerais, o VI Premio do certame literario Pinto e Maragota co fin de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero. O xénero literario das obras que concursen poderá ser: novela, teatro ou poesía e poden ir dirixidas tanto a público infantil, xuvenil como adulto.
No caso de optar por novela ou obras dramáticas para público adulto, o texto deberá ter unha extensión mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para adultos, terá un mínimo de 500 versos, de forma libre.
Polo que respecta ás obras para o público infantil, non terán extensión mínima esixida. A data límite para a recepción de orixinais é o 2 de agosto ás 23.59 horas.
Establécese un único premio de 3.000 euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas e que fará efectivo o Concello de Pontevedra. Ademais, a obra gañadora será publicada por Edicións Xerais.
As persoas participantes enviarán os traballos, en formato PDF, ao enderezo electrónico igualdade@pontevedra.eu co asunto: “Para o VI Premio Literario PINTO E MARAGOTA”.
Deberanse incluír no correo electrónico dous arquivos: un co orixinal, que deberá ser presentado baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta.
O premio outorgarase tendo en conta o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma.
Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer, en envíos separados.
Pódense descargar as bases no seguinte enlace: ponte.gal/bases-premio-pinto-e-maragota
Gañadores anteriores
Nas anteriores cinco edicións, resultaron gañadoras as novelas “Cobiza” da recoñecida escritora María Reimóndez; “Estranxeiras” da realizadora audiovisual Carmen P. G. Granxeiro; o poemario “Todo o que doe”, de Carmen Caramés Gorgal; “Askja” do escritor coruñés Antonio Manuel Fraga e, na máis recente convocatoria, a novela “As esquinas” de Miguel Calvo, obra que se acaba de publicar e se que presentará este domingo día 5 de xullo, nun vermú literario na Festa dos Libros.
A convocatoria deste premio amosa o compromiso do Concello de Pontevedra coa diversidade sexual e de xénero, non só no mes do Orgullo se non durante todo o ano.