Pontevedra lanza o ‘Plan Mercado’ co obxectivo de dinamizar e actualizar o espazo do Mercado e toda a súa contorna
Pontevedra, 3 de agosto de 2023. O Concello de Pontevedra ven de poñer en marcha o “plan Mercado”, para, en palabras da concelleira responsábel, Anabel Gulías, actualizar e dinamizar este espazo, un equipamento público central, situado nunha zona da cidade que precisa dinamización».
A edil rememorou que o Mercado recibiu hai varios anos un impulso e un pulo que por diferentes cuestións fixo que se perdese. «Falamos dunha pandemia, falamos de diversas situacións que minguou a actividade que hoxe vemos aquí», indicou. Así, o Concello impulsará unha nova licitación para a vintena de locais que agora están baleiros no andar superior do edificio. Ademais, será retomado o protocolo iniciado co CIFP Carlos Oroza para que o Mercado «sexa unha experiencia gastronómica total e atraer a novas persoas».
Os seguintes pasos trala decisión de impulso pasa pola creación dos pregos e realizar unha pequena reforma para adaptar a subministración eléctrica dos postos ás súas necesidades.
«Aparte de todo isto, faremos unha estratexia de comunicación realmente potente, na que promocionaremos este espazo e a súa contorna, así como a toda a xente que aquí traballa. Falamos dun equipamento emblemático, por iso decidimos e xa estamos elaborando os pregos dunha subvención que até o de agora estaba sen executar, como é o Plan de sostenibilidade turística de destino cidade de Pontevedra, no que hai preto de medio millón de euros co que actualizar, traballar en novas actividades e demais».
O enfoque do Concello nesta nova etapa para o Mercado pasará por unha dinamización directa e promocional con conferencias, visitas guiadas (escolares, asociacións, turísticas...), ludotecas, recetarios saudábeis, hibridar o primeiro andar coa planta baixa, degustacións, traballar para a veciñanza... «En definitiva, facer que o Mercado volva ser o punto neurálxico desta zona da cidade e mesmo da zona monumental», indicou Gulías.
Doutra banda, no referido aos arredores do edificio, a edil comentou que é preciso ter tres elementos básicos a realizar:
• O traslado da feira ambulante á avenida de Bos Aires, ofrecendo unha nova vida á feira e creando novas sinerxías tal como se veñen creando noutras cidades e vilas, amais de fomentar campañas de harmonización estética e de promoción da mesma feira
• Novo impulso ao mercadillo de antigüidades, dándolle unha volta, e buscando a complicidade das tendas de antigüidades da cidade e da comarca
• Mercado de novos e novas creadoras que mesture o tradicional co moderno, traendo novos públicos e creando espazos con identidade. Crearanse dúas casetas permanentes na zona que servirán de escaparate a novas creadoras da cidade