Carme da Silva chama á veciñanza a repetir o voto das municipais en favor do BNG para conseguir un grupo galego forte que condicione as políticas do Estado en favor de Galiza
Pontevedra, 17 de xullo de 2023. A candidata á Cámara Baixa do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, compareceu hoxe en rolda de prensa logo dun encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro; Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior; Manuel Fariña, Tenente-alcalde de Caldas, Marga Caldas, voceira do BNG en Poio; Dores Chedas, responsábel local do BNG en Cuntis e Cecilia Tarela, do BNG de Pontecesures.
A candidata nacionalista indicou que «falar de infraestruturas e falar de futuro, do futuro que queremos para a comarca de Pontevedra e para este país». Da Silva lembrou que infraestruturas como a A-57, que aínda non están rematada pese a ser un proxecto que leva décadas sendo reclamada pola veciñanza pontevedresa. Ao mesmo tempo, sitúa o ferrocarril como un modo de transporte prioritario á hora de procurar un futuro verde, ecolóxico e cun maior desenvolvemento económico.
«Cando falamos de mobilidade falamos de futuro, falamos de emerxencia climática, cando falamos de tomar en serio os grandes retos que a sociedade temos por diante... Temos que falar do ferrocarril».
«Non pode ser que teñamos unha rede de ferrocarril deseñada no século XIX, porque é a que temos neste momento», indicou. «Temos que ter un mellor transporte ferroviario porque é o gran modo de mobilidade non só do futuro, senón do presente. Neste momento a inmensa maioría da xente nova, de teren a alternativa de ir en ferrocarril, non vai utilizar nin vehículo privado nin outros medios de transporte. Unha área tan poboada como é toda a de Pontevedra e de Vigo non está conectada a través dun tren de proximidade por pura decisión política, xa que hai áreas no Estado menos poboadas que si teñen ese tren», explicou a candidata, engadindo que as forzas políticas centralistas discriminan a Galiza. «Doutra banda, a nosa industria precisa dun tren de mercadorías que nos conecte con Portugal e que conecte os portos, o modo de transporte máis adecuado para propiciar un desenvolvemento económico potente».
A cabeza de lista por Pontevedra sitúa o ferrocarril como o gran modo de mobilidade para Galiza non só do futuro, senón do presente
Da Silva fixo fincapé en que deben ser os galegos os que digan e definan que necesidades teñen nas comunicacións, xa que «se se pensan desde Madrid, se se pensan desde a Porta do Sol, as comunicacións ferroviarias preferentes non van ser as de Galiza. Madrid conectará con Lisboa polo centro, e nós seguiremos a precisar dunha conexión ferroviaria co Porto e con Lisboa, unha conexión que nin está nin se espera. Queremos prazos, non estudos para a súa execución».
A candidata quixo mandarlles unha mensaxe clara a todas as persoas que pensen que se este trato non é xusto, se esta discriminación é inxusta, «se pensan nun futuro propio que voten con orgullo o 23 de xullo». «Hai moita xente que nos quere facer crer desde a esquerda e desde a dereita española que temos que escoller o voto por medo ou por resignación. Desde o BNG sabemos que o 23 de xullo non hai que ter ningún deles. Hai que ter dignidade, orgullo, esperanza e ilusión. Se nos deixan de discriminar temos un futuro enorme por diante. É preciso un voto con rebeldía entre a xente moza que non quere nin un paso atrás. Queremos un futuro verde para Galiza. A garantía é o Bloque Nacionalista Galego».
Doutra banda, candidata lembrou que a AP-9, situada como a principal arteria de comunicación no eixo atlántico, «é galega», ao tempo que é «unha estafa que aínda non sexa unha vía libre de peaxe logo dunha prórroga ilegal que se lle concedeu e consolida esa nomeada estafa que os galegos e galegas pagan e sofren milleiros de veces». A candidata puxo sobre a mesa que a única solución posíbel para ver unha autoestrada libre de peaxes pasa por ver un BNG con capacidade de decisión no Congreso. «É simbólico, pero ben real, que o único gran recorte e rebaixa nas peaxes da AP-9, como foi a do 50 %, logrouse a través da capacidade coa que contou o BNG na investidura de Pedro Sánchez. Xa se falara antes, pero nunca se executara algo semellante». Cómpre lembrar que foi neste acordo de investidura onde tamén o Goberno Central tamén se comprometeu a sacar adiante a reforma do nó de bombeiros.
Da Silva tamén quixo subliñar a importancia dunha intervención noutras vías pertencentes a Fomento que atravesan a comarca de Pontevedra, como a N-550, «que está sendo por culpa da peaxe da AP-9 como alternativa libre de peaxes, orixinando unha carga elevadísima de tráfico», que atravesa núcleos de poboación con graves problemas de comunicación e cunha mobilidade que «non está a altura das necesidades actuais da sociedade» en moitos dos seus tramos, como pode ser o de Soutomaior.