Pontevedra galardoada en Madrid coa Placa Olímpica do COE

O alcalde recibe en madrid a Placa olímpica do COE
O alcalde recibe en madrid a Placa olímpica do COE
Pontevedra galardoada en Madrid coa Placa Olímpica do COE

Pontevedra, 28 de maio de 2025. Pontevedra volve de Madrid cun novo recoñecemento que recolle o apoio que a cidade vén realizando ao deporte durante os últimos anos. Promovida a candidatura pola Federación Española de Natación e Triatlón, Pontevedra pronto atopou e logrou os apoios necesarios para recibir a Placa Olímpica do Comité Olímpico Español. 

Este galardón é “a máis alta honra que recoñece o COE”, tal e como foi indicado na mesma cerimonia celebrada na sede da institución deportiva, en Madrid, e que vén a recoñecer o traballo do Concello de Pontevedra á hora de “contribuír de xeito excepcional ao desenvolvemento e promoción do deporte”. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, representou á cidade na recollida desta medalla, acompañado do xefe do servizo de Deportes, Jaime Agulló. O rexedor quixo sinalar desde este lugar que Pontevedra “é a cidade do deporte”, unha cidade “cunha capacidade incríbel e demostrada para á hora de acoller e organizar grandes eventos, mais tamén para promocionar o deporte desde a base”. 

O rexedor sinala que este é un premio para unha cidade que ama o deporte en todas as súas formas, unha cidade amábel e acolledora, que o demostra en cada campionato e en cada proba que se celebra na cidade. Ademais, subliñou o “traballo excepcional” que se realiza desde a área municipal de Deportes, labor sen a que sería imposíbel ter chegado até este estado de plenitude. 

Pontevedra galardoada en Madrid coa Placa Olímpica do COE