Concello de Soutomaior e Sergas asinan a recepción dos terreos para o novo Centro de saúde

Sinatura da recepción dos terreos parra o novo centro de saúde
Sinatura da recepción dos terreos parra o novo centro de saúde
Concello de Soutomaior e Sergas asinan a recepción dos terreos para o novo Centro de saúde

Soutomaior, 28 de maio de 2025.  Dende o Goberno Local teñen claro, dende que tomaron posesión hai case dous anos,  que o novo centro de saúde é unha prioridade para o concello de Soutomaior. 

Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a directora recursos económicos do Sergas, Amparo Pousada, e a xefa do servizo de patrimonio do Sergas, Mercedes Carracedo, asinaron ante notario, en Santiago, a recepción dos terreos para o novo centro de saúde de Soutomaior á Xunta de Galiza. 

Trátase dun proxecto estratéxico, clave e prioritario para o concello de Soutomaior. Por este motivo dende o Goberno Local pide á Xunta de que se inicie a contratación do novo centro de saúde canto antes tal e como se lle trasladou ao Goberno Local. 

O alcalde, Manu Lourenzo, valora de xeito positivo os acordos entre institucións, neste caso, co Sergas, que reverterá en beneficio de toda a cidadanía. Sendo conscientes de que a situación sanitaria no concello é insostible. Por iso o alcalde pedíu “celeridade e que se cumpran os prazos, xa que este centro de saúde e o persoal sanitario son máis que necesarios para garantir que a veciñanza teña a sanidade pública que merece”.  

Lourenzo tamén dixo nesta xornada que “dende o Goberno Local non aforraremos esforzos en facer que este centro de saúde sexa unha realidade canto antes”. Manu Lourenzo engadiu que “queda traballo por diante, pero tras esta recepción dos terreos estamos un paso máis cerca de que se mellore a atención sanitaria no noso concello. Agora toca actuar con responsabilidade e estar atentos a que se cumpran os compromisos coa veciñanza de Soutomaior, que é o prioritario”.

Concello de Soutomaior e Sergas asinan a recepción dos terreos para o novo Centro de saúde