SÁBADO 31 ÁS 19.00 H.

Pontevedra honra a memoria e a dignidade de Josefa Vázquez Juncal, señora Pepa, coa inauguración da súa rúa no barrio da Once

bandeira sociedade agraria salcedo
bandeira sociedade agraria salcedo
Pontevedra honra a memoria e a dignidade de Josefa Vázquez Juncal, señora Pepa, coa inauguración da súa rúa no barrio da Once

Pontevedra, 28 de maio de 2025. Pontevedra inaugura este sábado, 31 de maio, ás 19.00 horas a rúa Josefa Vázquez Juncal cunha homenaxe pública "para honrar a figura de Josefa Vázquez e de reparación do que sufriu esta muller, tan querida e respectada en Salcedo, pero tamén para que sirva de recoñecemento a todas aquelas persoas, especialmente mulleres, que traballaron día a día para levantar esta cidade", explicou a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde na presentación do acto deste sábado. 

A inauguración pretende "dar coñecemento público do acordo plenario que se adoptou por maioría, o pasado 17 de febreiro, para nomear esa nova rúa como Josefa Vázquez Juncal, señora Pepa" explicou Eva Vilaverde que recordou que o nomeamento naceu "da vontade deste goberno, referendada co apoio da Corporación Municipal de feminizar o rueiro de Pontevedra" por ser unha maneira de visibilizar e de conseguir unha sociedade máis igualitaria. 

A alcaldesa en funcións explicou que unha boa forma de conseguir ese propósito "era dedicándolle unha rúa a Josefa Vázquez por todo o que significa a súa figura", por manter en pé unha das familias máis represaliadas do concello despois do golpe de Estado do 36. O seu fillo maior, Milucho, dirixente socialista e da loita obreira, foi torturado e asasinado; as súas fillas Fina e Tucha foron rapadas, torturadas e encarceradas durante dous meses ademais de seren perseguidas e impedirlles exercer a docencia, decisión que se estendeu á súa neta incluso anos despois; o seu home, Antonio foi detido. A persecución foi tal que a súa empresa -O ferreiro do Marco- foi intervida polo que a señora Pepa viviu vendendo ferramentas da súa fábrica nas feiras e mantendo un taller de costura nos baixos da súa casa. A ela atribúese o bordado da bandeira da Sociedade de agricultores de Salcedo -seguindo do deseño simbólico de Castelao-. 

Eva Vilaverde destacou especialmente a súa dignidade. "Este é un valor que a pon aínda máis na palestra, unha dignidade que lle fixo permanecer viva non só na memoria da súa familia senón na memoria de toda a comunidade", de feito lembrou que a proposta foi impulsada pola comunidade de montes, a veciñanza, asociacións culturais da contorna e do asociacionismo de recuperación da memoria histórica que estarán presentes no acto do sábado. 

Na inauguración descubrirase a placa da rúa así como un panel coa historia da señora Pepa. Intervirá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, un representante da familia, dos veciños e tamén Pepe Álvarez, en representación do movemento da memoria. 

Pontevedra honra a memoria e a dignidade de Josefa Vázquez Juncal, señora Pepa, coa inauguración da súa rúa no barrio da Once