O Concello avanza na mellora dos barrios co axardinamento no Monte do Taco, medidas de seguranza peonil en Benito Corbal e a nova sinalización horizontal en Santa Teresa de Jesús Jornet
Pontevedra, 28 de maio de 2025. O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda supervisou distintas obras de mantemento do espazo público que se están a realizar en barrios para mellorar a calidade de vida da veciñanza e resolver problemas de seguranza peonil: o axardinamento do Monte do Taco, o raiado do aceiro cortén de Benito Corbal e o pintado da sinalización horizontal en Santa Teresa de Jesús Jornet.
Na rúa Monte do Taco, estanse a realizar traballos de axardinamento con flor de temporada. Previamente foi acondicionada a parcela, pisouse o xabre, retirouse sebes para darlle máis claridade e mellores vistas á parcela, plantáronse dúas novas árbores e finalmente incorporouse a flor de temporada. O seguinte paso é a mellora do noiro coa plantación de especies tapizantes. O propósito é mellorar a imaxe deste lugar de encontro veciñal do barrio.
Achegouse tamén a Benito Corbal, diante do Hospital provincial, onde se están a raiar as láminas de aceiro cortén que se instalaron na reforma da praza. É un material que con chuvia provoca problemas aos peóns porque esvaran. Estanse a buscar distintas solucións e unha delas é raiar o aceiro creando unha superficie rugosa.
Finalmente, tamén se achegou a ver o resultado do pintado da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, logo da pavimentación total do barrio semanas atrás. Coa colocación da sinalización horizontal, remata esta nova fase de asfaltados urbanos.