O concello de Caldas acondicionará a aula de música e a biblioteca do CEIP San Clemente
Caldas, 28 de maio de 2025. O Concello de Caldas de Reis, a través da Concellería de Educación, vai realizar este mes de xuño obras para acondicionar acusticamente a aula de música e a biblioteca do CEIP San Clemente. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña subliña que esta actuación municipal supón unha mostra da eficiencia e do compromiso do Concello coa comunidade educativa e as instalacións “fronte ao desleixo e maltrato da Xunta co centro de ensino”.
Fariña explica que nestes momentos a aula de música e a biblioteca apenas están separadas por uns taboleiros que non garanten o illamento acústico, o que fai o espazo moi pouco operativo porque cando se imparten clases musicais non se pode utilizar a biblioteca e viceversa. Ante a demanda da dirección do centro o Concello estudou as posibles solucións e redactou un pequeno proxecto, valorado en preto de 5.000 euros, co que se instalará un panel acústico divisorio que está deseñado especialmente para evitar as molestias actuais.
As obras, apunta o responsable municipal de Educación, realizaranse antes de que finalice o vixente curso escolar, e permitirán tamén que o centro invista en mellor mobiliario e equipos de son aproveitando unha subvención.
Fariña demanda da consellaría de Educación a ampliación do comedor escolar
Por outra banda, Fariña fixo hoxe un chamamento á Consellería de Educación para que atenda xa as reclamacións das familias do CPI Alfonso VII e amplíe o comedor “tal e como prometeron responsables autonómicos en tantas ocasións”.
Apunta o nacionalista que existe preocupación na comunidade e no Concello porque sería necesario iniciar as obras canto antes para que o servizo de comedor estivese operativo a principios do vindeiro curso escolar. “A Consellería ten que presentar xa un proxecto para facer a obra, porque do contrario haberá nenas e nenos que volverán quedar sen comedor cando volvan ao colexio en setembro”, subliña Fariña.
Lembra o Tenente de Alcalde que en 2023 o Concello de Caldas xa remitiu á Consellería de Educación un informe municipal sobre a viabilidade da ampliación do comedor no terreo dispoñible anexo á escola. Nese documento, asinado polo aparellador municipal, explicábase que a parcela na que se prevía facer a ampliación era viable, posto que aínda se pode construír un 25% máis sobre a ocupación actual.
Dende o goberno local ínstase ao goberno galego a presentar o proxecto para realizar a obra, subliñando que o Concello dará todas as facilidades e concederá prioridade á actuación “para que este tema deixe de dar voltas nos despachos da Consellería e as familias caldenses teñan un servizo como é debido e poidan conciliar”.