Pontevedra fai oficial a súa adhesión ao Ano Castelao co obxectivo de promocionar a figura do pai do nacionalismo galego
Pontevedra, 7 de xaneiro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo saber este martes, 7 de xaneiro, a través da publicación dun bando oficial da adhesión do Concello de Pontevedra á conmemoración do 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a través da declaración do ano 2025 como Ano Castelao.
“Neste sete de xaneiro do ano 2025 que estamos a principiar cúmprese o 75 cabodano do noso veciño Afonso Daniel Rodríguez Castelao, cuxo pasamento tivo lugar no exilio, na cidade de Bos Aires. Castelao escolleu ser pontevedrés e nesta nosa vila ensinou, foi pai, teceu amizades e traballou con todas as súas forzas por Galiza. Dende a súa casa da rúa da Oliva até as aulas do actual instituto Valle-Inclán, dende o café Moderno até o local do Partido Galeguista na Praza do Teucro, do Museo na Praza da Leña á Casa da Luz na da Verdura, do piñeiral de Matalobos ao cruceiro de Estribela, dos xardíns de Casto Sampedro a César Boente, toda Pontevedra sinte a pegada de Castelao”, sinala o rexedor no nomeado bando.
“En Pontevedra sabemos que Castelao vive porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecíbel: estivo na fundación do Museo de Pontevedra, que quería Museo Nacional de Galiza, e na da Coral Polifónica, documentou cruceiros, contribuíu á levar a fonte da Ferraría aos xardíns de Casto Sampedro, á volta da Bretaña comezou a tradición da borriquiña do Día de Ramos e sen os seus debuxos non se tería restaurado”, indica.
Así, O Concello de Pontevedra adhírese ao recoñecemento da figura do noso veciño neste 2025, declarado oficialmente Ano Castelao, e fai un chamamento ás entidades sociais para que participen na difusión e popularización da súa obra. Ao longo deste ano, o concello desenvolverá unha programación específica cos mesmos obxectivos.