Caldas renovará o Pavillón Municipal de Deportes para incluír modernos vestiarios e salas polivalentes

Pavillón de Caldas
Pavillón de Caldas
Caldas renovará o Pavillón Municipal de Deportes para incluír modernos vestiarios e salas polivalentes

Caldas, 7 de xaneiro de 2025. O Concello de Caldas de Reis vai realizar unha importante renovación do Pavillón Municipal de Deportes para modernizar os vestiarios e crear varias salas polivalentes. Así o vén de anunciar o Tenente de Alcalde e responsable da Concellería de Deportes, Manuel Fariña, quen destaca a necesidade de mellorar o equipamento e aproveitar a súa máxima potencialidade para dar un mellor servizo á veciñanza e aos centros escolares que o utilizan. 

Fariña explica que a redacción do proxecto de mellora está en marcha dende hai varias semanas. Subliña que a intención é aproveitar todo o espazo que hai baixo as gradas, renovando de maneira integral os actuais vestiarios, actualmente en mal estado de conservación, para redimensionalos, facelos máis accesibles e funcionais e, ao mesmo tempo, aproveitar o espazo que existe baixo as gradas de público creando novos espazos máis prácticos. 

Subliña o nacionalista que o pavillón é a instalación deportiva máis polivalente do municipio e acolle tanto competicións federadas, torneos, así como actividades dos centros escolares e complementarias, polo que “é preciso quitarlle o máximo rendemento”. “Este equipamento é moi demandado, e na práctica a renovación vai supoñer unha nova ampliación do espazo utilizable, polo que vai permitir realizar máis actividades e incorporar novos servizos”, destaca Fariña. 

O Tenente de Alcalde Manuel Fariña explica que a Concellería de Deportes está a redactar un proxecto para aproveitar o espazo baixo as gradas de público

Neste sentido, o Tenente de Alcalde destaca que unha vez as novas instalacións estean acondicionadas o Concello vai estudar a posta en marcha de actividades grupais moi demandadas en xeral como poden ser ioga, zumba ou GAP, coa necesaria contratación de persoal. 

“A necesidade de continuar avanzando na modernización das instalacións deportivas do municipio –subliña Fariña- é un dos compromisos máis destacados que adquirimos desde este grupo de goberno. Desde o Concello estase a traballar intensamente para mellorar os espazos públicos e todos os equipamentos para que estean á altura do que merece a poboación de Caldas. Se queremos seguir modernizando a nosa vila, é fundamental mirar cara o futuro, especialmente no que se refire á práctica deportiva e ao apoio aos clubs do municipio”. 

A intención de Fariña é que a redacción do proxecto estea finalizada nas primeiras semanas de 2025 para poder conseguir o financiamento necesario do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación. Se os trámites van segundo o previsto, unha vez aprobada a axuda a licitación sería inmediata. 

Caldas renovará o Pavillón Municipal de Deportes para incluír modernos vestiarios e salas polivalentes