O Auditorio do Pazo da Cultura permitirá seguir en directo a retransmisión dos Premios Feroz e incluirá "sorpresas"
Pontevedra, 8 de xaneiro de 2025. Pouco máis de dúas semanas restan para que Pontevedra acolla os Premios Feroz, a celebración e encontro da cultura audiovisual de todo o Estado.
A edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, sinalou que ao longo destes meses, toda a programación “foi espectacular, saíndo moito mellor do que podíamos agardar e pensar nas nosas cabezas”. Este mércores, 8 de xaneiro, a concelleira quixo aproveitar a súa comparecencia para ofrecer algúns detalles da gala que está por chegar e que será o colofón final á primeira edición dos Premios Feroz na cidade de Pontevedra.
“Son días e semanas de traballo intenso para que todo estea listo para o día 25”, sinalou. “Queremos agradecer a todos os sectores implicados: hostalaría, loxística... en traballar para que todo estes Feroz sexan posíbeis”.
“A gala dos Feroz é unha gala complexa, unha gala que contará con máis de 1.300 persoas no Recinto Feiral de Pontevedra”, explicou a edil. “O acceso a este espazo será por convite nominal, e entre eles aparecen máis de 200 personalidades do mundo do cinema e da televisión, máis de 100 xornalistas acreditados, e centos de traballadores para facer posíbel a súa retransmisión, que, por vez primeira, transmitirá este ano a segunda canle da televisión pública española”.
Unhas 1.300 persoas estarán presentes no interior do Recinto Feiral a noite grandes destes galardóns, o vindeiro 25 de xaneiro
Se ben o acceso para a gala é restrinxido, a veciñanza de Pontevedra poderá gozar da gala e da súa retransmisión desde o Auditorio do Pazo da Cultura, un espazo ao que se poderá acceder cunha entrada especial (de balde) que se deberá retirar con antelación (máximo 4 por persoa) e no que haberá «diversas sorpresas» durante a celebración da gala, que estará acontecendo a escasos metros. Antes, poderá estar presente na alfombra vermella que se celebrará a partir das 18.00h na parte superior do Recinto Feiral, baixo unha carpa de máis de 40 metros de longo.
Gulías explicou que o Concello de Pontevedra terá 150 convites para este acto e que serán distribuídos con carácter institucional, existindo unha parte de representación política de distintas administracións, tanto municipal, como provincial e galega; ademais de universitaria, cultural, veciñal, económica e, por suposto, do sistema audiovisual da Galiza. “Queremos facer partícipes deste evento a todas entidades galegas que sexa posíbel”, finalizou.
A edil quixo destacar a implicación de toda a cidadanía cos Premios Feroz, tanto á hora de participar nas actividades como de ofrecer axuda durante a celebración da gala e das diferentes propostas anteriores.