Pontevedra estrea nova páxina web municipal rápida, intutiva e adaptada ás necesidades da cidadanía
Pontevedra, 16 de decembro de 2024. O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha unha nova páxina web máis accesible e moderna, que se adapta mellor ás necesidades informativas actuais da cidadanía. Dende Alcaldía víase a necesidade de renovar o anterior espazo dixital que resultou de moita utilidade durante os once anos que estivo operativo, de feito foi guía doutras páxinas webs da contorna de Pontevedra.
A nova imaxe corporativa, o pleno funcionamento da sede electrónica municipal, a posta en marcha dos fondos europeos e a necesidade de crear pezas máis visuais, intuitivas e atractivas para o usuario foron as guías desta nova web á que se poden achegar a contidos de xeito máis rápido, xa que ten unha organización máis clara e estruturada.
A nova web está totalmente adaptada á nova imaxe corporativa municipal que o Concello estreou hai un par de anos, onde priman as cores azul, area e branco. De feito empregáronse símbolos da imaxe corporativa na parte inferior, destacando algúns elementos importantes da cidade, como a Igrexa da Peregrina, a Ponte do Burgo ou o Mercado.
Tamén o pleno funcionamento da sede electrónica obrigaba a retirar campos e áreas que xa estaban xestionadas directamente pola administración electrónica municipal ao tratarse das relacións do Concello cos seus administrados. No seu lugar créase a pestana "Trámites" para que a cidadanía saiba onde ten que dirixirse para xestionar directamente co Concello.
Ademais, as esixencias da concesión dos fondos europeos esixía unha estruturación da información das distintas liñas subvencionábeis e amosalas claramente no web tal e como recomendan as administracións xestoras dos fondos.
Todo iso facía obrigado un cambio de imaxe que deu como resultado unha nova web que mellora a experiencia do usuario grazas á navegación máis intuitiva, contidos máis accesibles e unha distribución distinta das áreas, adaptada á actual distribución das áreas de goberno.
A páxina activouse o pasado 28 de outubro e atópase en fase de probas e, por ese motivo, habilitouse un formulario de fácil acceso “Suxestións nova web” desde o que a cidadanía poderá indicar que contidos bota en falta, que se pode mellorar da nova web, se hai algún apartado que non atope ou calquera inquedanza relacionada con este redeseño.
Ademais, tamén está en fase de probas a aplicación de accesibilidade da web que estará operativa nunhas semanas co propósito de aumentar a poboación que poida beneficiarse dos seus contidos.