Complicidade entre o alcalde de Soutomaior e as representantes da Xunta para a humanización do Camiño de Santiago

Complicidade entre o alcalde de Soutomaior e as representantes da Xunta para a humanización do Camiño de Santiago

Soutomaior, 16 de decembro de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, recibiu este luns á delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. A visita institucional tiña por obxectivo coñecer o ámbito de actuación da obra que o Goberno de Soutomaior vai levar a cabo para humanizar o Camiño de Santiago ao seu paso polas rúas Coutada e Fonte do Conde, e que se vai levar a cabo grazas a que o Goberno de Soutomaior conseguiu unha nova subvención por valor de 370 mil euros ao abeiro do Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico da Xunta de Galiza. 

Durante toda a visita ao ámbito de actuación foi visible a complicidade entre o alcalde e as dúas representantes da Xunta, que destacaron o gran traballo feito polo Goberno local á hora de presentar este proxecto (redactado pola empresa Enurcoin, liderada polo prestixioso enxeñeiro Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia) e situarse entre a vintena de concellos que acadaron finalmente a subvención. 

Pola súa parte, o alcalde Manu Lourenzo agradeceu a boa disposición tanto da delegada da Xunta como da directora xeral para que o proxecto saia adiante, e animou á colaboración e traballo mútuos entre ambas as dúas institucións para que a obra de humanización nesta zona de carácter estratéxico sexa unha realidade canto antes. 

En concreto, o Concello de Soutomaior deberá facerse cargo dun 50% do investimento necesario para a realización da obra, mentres que o restante irá a cargo da subvención da Xunta conseguida polo Goberno local. En total serán uns 750.000 euros, dos que 150.000 irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer o fondo da Ría de Vigo de verteduras. 

Sobre o proxecto de humanización, Manu Lourenzo sinalou que “esta obra vai ser un antes e un despois para o núcleo urbano de Arcade, que se suma a outros proxectos de modelo urbano que xa temos abertos e madurados en diferentes etapas e que nos van permitir desconxestionar o entramado de tráfico que é agora mesmo o centro urbano de Arcade. Trátase dun proxecto co que imos mellorar por completo a concepción urbanística dunha das vías máis transitadas do núcleo urbano de Arcade e que é usada tanto pola veciñanza como polos milleiros de peregrinos e peregrinas que chegan a Soutomaior”. 

Complicidade entre o alcalde de Soutomaior e as representantes da Xunta para a humanización do Camiño de Santiago