A BTT "Camiños de Barro" consolídase como unha das citas imprescindibles no calendario da bicicleta de montaña
Barro, 16 de decembro de 2024. No concello de Barro xa intuían que a BTT Camiños de Barro estaba a xerar moitas expectativas cando case unha semana antes da cita xa se chegara ás 500 persoas inscritas, a cifra límite habilitada, e o teléfono non paraba de soar con ducias ciclistas que quedaran sen anotarse preguntando se habería ampliación de aforo.
E así foi, a segunda edición da Camiños de Barro non defraudou e deleitou aos participantes con incribles espazos naturais e patrimoniais a través dun percorrido de algo máis de 50 km na distancia longa, froito do traballo de meses buscando e abrindo novos sendeiros e planificando unha ruta que non deixara indiferentes aos participantes.
Mais non todo foi facer deporte, pois tamén houbo tempo para a socialización durante os percorrido nos tres avituallamentos e unha vez cruzada á liña de meta, onde os participantes puideron gozar de empanada e callos mentres consultaban os seus tempos e intercambiaban experiencias e anécdotas.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que “o que hai detrás deste gran éxito é un equipo impresionante de persoas que traballan de forma voluntaria para facer que esta actividade en tan só dúas edicións xa sexa unha referencia” e agradeceu a colaboración especial do Club Ciclista Ribadumia e da Federación galega de Ciclismo. O alcalde tamén quixo agradecer a aposta e colaboración con esta proba de Froiz, Panaderías Acuña, Café-Bar Florita e Muíño de Valerio.
A ruta, que era non competitiva no percorrido xeral, contaba cun pequeno treito de arredor de 1 km de subida cronometrado que si que era competitivo e que levaba por nome A subida das ánimas, localizada no lugar de Monllo, e que facía referencia xa no nome á súa dureza. Nesta cronoescalada o vencedor na categoría absoluta masculina foi Néstor Frías do equipo Academia Postal de Maceda cun tempo de 4 minutos e 35 segundos; Aida García, do equipo Trotacumes, na categoría absoluta feminina con 7 minutos e 7 segundos e Carlos Rey na categoría de bicicletas eléctricas cun tempo de 3 minutos e 22 segundos. O premio para o club con maior participación foi para O Club Ciclista Trotacumes.