O Arquivo Municipal contará cun espazo mellorado e totalmente illado no Froebel para salvagardar a documentación muncipal

O Arquivo Municipal contará cun espazo mellorado e totalmente illado no Froebel para salvagardar a documentación muncipal

Pontevedra, 17 de decembro de 2024. A edil de Réxime Interior, Eva Vilaverde, visitou as obras que o Concello de Pontevedra está a realizar no edificio do CIFP Froebel co fin de adaptar as instalacións e estancias que posúe alí para acoller o Arquivo Municipal. Trátase dunha actuación de emerxencia tras ser detectada un problema na rede eléctrica, adaptándose así á normativa actual contra incendios. 

“De certo, unha vez nos puxemos coa emerxencia comprobamos que era necesario arranxar outros problemas que foron aparecendo e decidimos racionalizar tamén os espazos e ordenar o uso que tiña este arquivo, compatibilizándoo co uso que ten este edificio, que é un colexio”, explicou a concelleira. “Estamos a ter todo o coidado que hai que ter, logrando así ampliar o espazo inicial, mais evitando que existan espazos cruzados entre o colexio e o Arquivo, centrándose todo nun mesmo lugar”. 

O obxectivo máis importante das actuacións que se están a levar a cabo é, sen dúbida, o de lograr un mellor illamento contra incendios, xerándose case un cofre ao redor do Arquivo. “Queda selado totalmente. Por exemplo, no caso do teito, suporá un atraso no avance das lapas de case tres horas, segundo o estudado, para que o incendio atravesase o teito”. 

O investimento para estes traballos está próximo aos 300.000 euros e permitirán “ter unhas instalacións máis que idóneas”. 

Segundo os técnicos municipais encargados da obra, as actuacións quedarán rematadas no primeiro trimestre do ano 2025. Seguindo as palabras tamén do arquiveiro municipal, a actualización e mellora deste lugar permitirá ao Concello de Pontevedra ter o espazo necesario para asumir e gardar toda a documentación en papel que se poida xerar nos anos vindeiros. 

O Arquivo Municipal contará cun espazo mellorado e totalmente illado no Froebel para salvagardar a documentación muncipal