A xornalista Cristina Fallarás recoñece o carácter pioneiro da campaña municipal #PrimAcoso, o modelo de denuncia das vítimas de violencia machista seguida por #MeToo e #Cuéntalo e "que segue a funcionar"
Pontevedra, 17 de decembro de 2024. “Foi en Galicia antes do #MeToo, todo empezou aquí con #PrimAcoso, un hashtag e unha campaña do Concello de Pontevedra do 2016. No2017 explotou o #MeToo e no 2018 lanzo eu #Cuéntalo. Este é o modelo, e segue funcionado e que plasmo no meu libro No publiques mi nombre”. A xornalista e escritora Cristina Fallarás recoñecía o valor da iniciativa do Concello de Pontevedra ao carón da súa impulsora, a ex-concelleira de Igualdade, Carme Fouces e a actual titular de Igualdade, Anabel Gulías.
Anabel Gulías lembrou que “desde o Concello traballamos con perspectiva feminista e asumindo a responsabilidade que como institución temos: primeiro, na identificación de todas as violencias machistas, que son unha cuestión estrutural coa que todas mulleres convivinos e segundo, sendo conscientes de que hai que construír espazos seguros. Non pode ser que as vítimas sexan cuestionadas por como falan ou visten, como alzan a voz, que palabras usan, se estaban ou non en determinados contextos...”
E en construír espazos seguros traballa Cristina Fallarás, que volvendo a mirada atrás lembra que cando lanzou e hashtag #Cuéntalo en apenas dúas semanas producíronse case 3 millóns de accións. Co tempo, analizándoas “vin que todas as mulleres falaban do pasado: do meu ex-noivo, do meu ex-marido, de cando era pequena.. e non falaban da súa situación actual” e decidiu dar un paso adiante.
“Entendín que cando vas narrar o machismo e a violencia sexual en presente, telo que facer nun espazo seguro e a contorna segura dácha o anonimato. Convertinme en canle, a miña conta de Instagram foi esa canle” explica Fallarás, quen subliña que “eu non publico denuncias, publico testemuños”. É unha diferenza substancial xa que, tal como aclara, “o testemuño procura reflectir un estado das cousas, un estado cultural no que poder sentirnos identificadas. Non busca sinalar ao agresor senón crear unha gran memoria colectiva”.
Baixo este paraugas, miles de mulleres comezaron a narrar a violencia sexual recibida cos seus testemuños e as súas propias voces e fixérono “desde o anonimato” das redes, o que “protexe ás mulleres pero xera uns cambios, un desasosego social entre os os homes e as institucións que se traducen nunha avalancha de protestas, de ameazas (algunhas de morte contra a miña persoa) indica Cristina Fallarás, quen lembra que “lles molesta que a vítima non poña o corpo” pero que pasa cando o fixeron? pregúntase. E pon varios exemplos: Cando a vítima da manda dos Sanfermíns foi a denunciar acabou dicindo que o proceso foi máis doloroso que o ocorrido no portal; cando o puxo Nevenka tívose que exiliar, cando o puxo a vítima da manda do Arandina viu como todo o pobo saía á rúa para defender aos violadores, cando o puxo Elisa Mouliaá viu como lle esnaquizaron a carreira, ameazas diarias...
A canle de Instagram de Cristina Fallarás foi pechada, por vez primeira, en marzo do pasado ano. Unha vulnerabilidade que lle levou a escribir o libro Non publiques o meu nome. Testemuños contra a violencia sexual (Século XXI Editores). “As mensaxes tíñaas gardadas no computador e fun consciente de que necesitaba un arquivo público, accesible e universal e iso é un libro”, conclúe.
O camiño aberto por #PrimAcoso segue avanzando e como lembrou a súa promotora Carme Fouces “ata agora estabamos a mirar se o elefante tiña unha orella, unha pata...agora estamos a ver a súa dimensión, como é realmente, e iso é fundamental”.
A campaña #PrimAcoso do Concello de Pontevedra, desenvolvida no ano 2016 abríu a porta a visibilizar, a través das redes sociais, a primeira situación de violencia sexual vivida polas mozas e mulleres pontevedresas. Responderon case 3.000 persoas. Os relatos foron analizados polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo e revelaron, entre outras cousas, que o 76% das mulleres que compartiron a súa experiencia situaron na infancia o seu primeiro recordo de acoso e violencia sexual.