A mellora urbana e ambiental chega ao barrio da Seca co cambio da iluminación, rozas periurbanas e obras nos espazos públicos

Plan mellora ambiental A Seca
Plan mellora ambiental A Seca
A mellora urbana e ambiental chega ao barrio da Seca co cambio da iluminación, rozas periurbanas e obras nos espazos públicos

Pontevedra, 16 de decembro de 2024. O departamento de Servizos Urbanos Básicos trasladou nestas semanas o Plan de mellora urbana e ambiental ao barrio da Seca. Este plan naceu neste mandato para materializar a prioridade marcada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de manter en óptimas condicións de mantemento e estado de conservación os espazos públicos. 

Xaquín Moreda decidiu trasladar ao barrio da Seca esta mellora urbana e ambiental facendo unha supervisión integral dos espazos públicos e actuando naqueles aspectos que precisaran unha mellora. Iluminación, limpeza, rozas e pavimentos, foi a prioridade marcada. 

A actuación comezou cun zafarrancho de limpeza especial e integral de toda a zona, desratización incluída como adoita ser habitual nestas limpezas singulares. Ademais realizouse unha roza dos espazos periurbanos do barrio chegando incluso a algunha parcela municipal situada nas proximidades da antiga Tafisa. 

Tamén se fixo unha renovación da iluminación do barrio. Substituíronse 78 luminarias por tecnoloxía led, e reparáronse e cambiáronse pezas dos cadros eléctricos, ademais de limpar fustes e báculos. Esta actuación tivo un custe de 16.924,21 euros -o resto da mellora do barrio realízase cos contratos de mantemento do Concello de Pontevedra-. 

A última fase execútase nestes días coa reparación de beirarrúas, limpeza e reposicion de canles de augas pluviais, formigonado dalgunha beirarrúa para evitar humidades nalgunha vivenda, acondicionamento de escavas que estaban levantadas polas raíces das árbores, e outras pequenas actuacións de construción que pretenden devolver os espazos públicos do barrio a un estado óptimo de uso e goce da veciñanza. 

Este plan de mellora urbana e ambiental xa se realizou noutros barrios da cidade como en Estribela, a praza das Regas, no ámbito da rúa Domingo de Andrade (en beiramar) ou no Campo da Torre. 

A mellora urbana e ambiental chega ao barrio da Seca co cambio da iluminación, rozas periurbanas e obras nos espazos públicos