Mosquera: "A Deputación puido tentar mercar o retablo dos Desamparados, pero Domínguez ten comportamento de liante"

César Mosquera
César Mosquera
Mosquera: "A Deputación puido tentar mercar o retablo dos Desamparados, pero Domínguez ten comportamento de liante"

Pontevedra, 13 de decembro de 2024. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, repasou polo miúdo as últimas novidades ao redor do antigo convento de Santa Clara en relación á recepción da resolución do recurso de alzada presentado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, contra a Resolución da directora xeral do Patrimonio Cultural do 20 de setembro de 2024, pola que se autorizou o traslado do retablo colateral da Virxe dos Desamparados localizado na Igrexa do Convento de Santa Clara en Pontevedra ao Convento de Santa Clara situado en Santiago de Compostela. 

Tal e como deu conta o edil, a resolución recibida no Concello desestima o recurso de alzada presentado por Domínguez. “A autorización para este traslado é firme e está ben dada”, indicou. “A resolución é clara, pódenselle dar todas as voltas que un queira, pero é meridianamente clara sobre este asunto”. 

“A realidade é que ano e medio despois seguimos dándolle voltas a algo que hai tres anos estaba zanxado, cando se mercou Santa Clara para a cidadanía”, sinalou o concelleiro pontevedrés. “O criterio polo que se toma esta decisión foi o mesmo de sempre: o retablo é un obxecto de culto e as súas donas son as Clarisas e queren seguir rendéndolle culto e conservándoo en outro lugar”. 

O Concello vén de recibir a resolución que desestima o recurso presentado polo presidente da Deputación contra a autorización de Patrimonio Cultural para o traslado do retablo colateral do antigo convento de Santa Clara, propiedade das Clarisas

Mosquera lembrou que se está a aplicar o mesmo argumento que se aplicou a todo o que levaron con anterioridade como donas dos distintos elementos, coa autorización debida de Patrimonio Cultural. “Pode gustar ou non gustar o criterio, pero sempre se aplicou o mesmo”. “Entendo que de igual xeito que se nos acusa de espolio a min e ao alcalde, agora Domínguez terá que dicirllo tamén ao conselleiro, que é quen autoriza por delegación este traslado”. 

“Domínguez ten un comportamento típico de liante. Hai que procurar usar certa lóxica e algúns razoamentos non os entendo. Se Domínguez quería mercar estes elementos puido facelo, así figura no convenio, estaban taxados”, finalizou. “Había dúas opcións, ou elas o levaban ou se lle compraba polo valor que xa estaba fixado, neste caso uns 74.000 euros. Puideron pagalo, e as monxas igual lles dicían que si. Agora, aparece esta situación, que queren levalo e poden facelo, pois supoño que tiña a esperanza de que non o levaran”. 

Mosquera: "A Deputación puido tentar mercar o retablo dos Desamparados, pero Domínguez ten comportamento de liante"