Pontevedra define o destino dos 3 millóns de euros comprometidos pola Xunta e prioriza investimentos no barrio de Monte Porreiro e na rede de saneamento
Pontevedra, 4 de decembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da remisión dunha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que se concretan o destino dos 3 millóns de euros comprometidos previamente pola administración autonómica.
Estes fondos derivan dun compromiso adquirido polo presidente Rueda durante unha visita oficial a Pontevedra, destinado a instalacións deportivas e saneamento.
O Concello tomou a decisión de asignar estes 3 millóns de euros do seguinte xeito:
- 2 millóns de euros serán dedicados ao pavillón de Monte Porreiro
- 1 millón de euros destinarase a saneamento prioritario.
O rexedor municipal salientou que o proxecto de mellora urbana e creación dunha instalación deportiva en Monte Porreiro xa está adxudicado e iniciarase proximamente. Deste xeito, existe un destino e un proxecto definidos, o que permite xa a sinatura do convenio correspondente.
En canto ao millón destinado a saneamento, a súa aplicación concreta dependerá da distribución dos fondos do EDIL e dos proxectos xa presentados polo Concello (como os de reurbanización de rúas e saneamento en Valdecorvos), aínda que se destinará ao proxecto que sexa máis operativo.
Ademais da asignación financeira, a carta enviada ao presidente Rueda incluíu unha segunda cuestión: a solicitude das características técnicas, superficie e demais datos precisos da parcela que a Xunta demanda para reubicar as instalacións destinadas a un taller de camións de bombeiros (posiblemente forestais) que actualmente ocupan a Xunqueira da Gándara. O Concello agarda esta información para procurar e achegar unha parcela alternativa adecuada, que podería estar situada no polígono do Vao, e así formalizar a cesión e o traslado canto antes.